Cal é o custo total para as arcas públicas do desfile militar polo Día da Hispanidade?

O presidente español, Pedro Sánchez, e a familia real, no desfile militar deste 12 de outubro. (Foto: Europa Press)
2019 foi o ano no que o Goberno español destinou máis fondos públicos ao desfile.

Cada 12 de outubro, o Estado español organiza un desfile militar en Madrid para conmemorar o Día da Hispanidade. Un acto protocolario que é pagado con fondos públicos, e que supón un gasto anual próximo ao millón de euros.

Este ano, o custo para as arcas estatais ascenderá até os 800.000 euros, despois de que o desfile militar do ano pasado tivese un custo público de máis de 636.000 euros e o de 2020 fose suprimido pola pandemia.

En anos anteriores, destacan os máis de 900.000 euros que o Goberno estatal destinou a sufragar os custos do acto en 2019. Deles, 345.000 euros corresponderon á “recollida e traslado de continxentes estranxeiros” despregados en Senegal, Mauritania e Malí.

Entre 2015 e 2018, o Estado español destinou máis de 2,2 millóns de euros das arcas públicas a este acto do exército español, que conmemora a chegada de Cristóbal Colón a América e o comezo da ocupación dos territorios indíxenas.

Incremento do gasto militar

O aumento dos custos do desfile militar polo Día da Hispanidade deste ano coincide co anuncio por parte do Executivo de Pedro Sánchez de que os Orzamentos Xerais do Estado recolleron un incremento de 25% no gasto militar.

Segundo os datos do Centro Delàs de Estudos pola paz, o gasto militar do Estado español, sumando o orzamento consolidado do Ministerio de Defensa e as partidas de carácter militar incluídas noutros ministerios, ascenderá en 2023 até os 27.617,43 millóns de euros.

Esta cifra equivale a 75,7 millóns de euros diarios destinados a gastos militares. Ademais, supón que o Estado español superaría o compromiso de 2% do PIB destinado a gastos militares demandado pola OTAN aos seus Estados membros. No caso español, ese orzamento acadaría 2,17%.