Cae o tramo do viaduto do Castro que aínda quedaba en pé, despois de 48 horas de traballos

Un guindastre realiza os traballos para tirar o último tramo do viaduto do Castro. (Foto: Europa Press)
As obras comezaron esta cuarta feira.

Pasadas as 13 horas desta sexta feira, caeu finalmente o último tramo do viaduto do Castro, na A-6, que aínda quedaba en pé após o colapso dos outros dous tramos o pasado mes de xuño. En total, foron necesarias máis de 48 horas de traballos para conseguir tiralo abaixo.

Os técnicos do Ministerio de Transportes e operarios traballaban na zona, en Pedrafita do Cebreiro, desde primeira hora da cuarta feira e calcularan que o tramo podería vir abaixo nuns dous días, tal e como finalmente sucedeu.

A caída deste tramo, contiguo aos dous que colapsaron en xuño, era unha condición previa para comezar os traballos para reconstruír a vía, que conecta a Galiza coa meseta.

De forma alternativa, e para evitar que todo o tráfico da A-6 nesta zona pase polo núcleo de Pedrafita, estabeleceuse xa un desvío provisional, co que se acurtou o percorrido en 6,6 quilómetros, segundo o Ministerio de Transportes.

Mentres, o Executivo estatal continúa traballando para que un novo desvío estea operativo no outono e permita axilizar máis o tránsito co paso de vehículos especiais.

"Máxima seguridade para os operarios"

Segundo informou o Goberno español a comezos de semana, os traballos desenvolvéronse "priorizando a máxima seguridade dos operarios, polo que os medios auxiliares necesarios para desmontar o tramo posicionáronse fóra dos viadutos". Neste sentido, empregáronse medios mecánicos operados de forma remota.

Unha vez realizada esta primeira fase, procederase a desmontar os piares e a retirar os restos de toda a estrutura colapsada, de acordo cos procedementos vixentes de xestión de residuos.