Cae parte do teito nunha habitación da unidade de Psiquiatría do hospial compostelán Xil Casares

A situación do teito no Gil Casares (Foto: CIG-Saúde).
Pese á reiteración na comunicación das deficiencias tanto polo persoal da unidade de Psiquiatría como polas Delegadas e Delegados de Prevención de Riscos de CIG-Saúde, que se veñen facendo desde hai tempo, “observamos como todo segue igual”, alertan desde a central sindical.

“Estado ruinoso das instalacións do Hospital Xil Casares. Non hai outro cualificativo para a situación na cal están as instalacións deste Hospital Público”, afirma a CIG-Saúde de Compostela, que, segundo indica, vén advertindo disto desde hai tempo e que, ademais, denuncia que se produciu un desprendemento dunha parte da placa do falso teito dunha habitación na unidade de Psiquiatría deste hospital.

“De casualidade, non colleu ningún membro do persoal nin a usuaria da habitación, que saíra había escasos minutos”, explicou Xabier Alvedro da CIG-Saúde.

Do contrario, di, “estaríamos a falar dun accidente con previsións, moi posibelmente lamentábeis pola caída de todo o que se desprendeu”.

Pese á reiteración na comunicación das deficiencias tanto polo persoal da unidade de Psiquiatría como polas Delegadas e Delegados de Prevención de Riscos de CIG-Saúde, que se veñen facendo desde hai tempo, “observamos como todo segue igual”.

Alvedro asegura que mesmo tiveron que acudir aos Servizos Centrais do propio Sergas para notificar, de primeira man, “a situación estrutural e o risco que se estaba a correr por parte do persoal para que se fixese unha nova avaliación da unidade de Psiquiatría”.

CIG-Saúde informa de que, por mor desta situación, transladáronse ao Hospital Privado da Robleda tres usuarios e usuarias algo que para a central sindical é “mostra da improvisación e a falta de planificación desta xerencia presidida por Eloína Nuñez”.

“A que temos que agardar”

A CIG-Saúde conclúe preguntándose cal é a situación das unidades de Psiquiatría desta área Hospitalaria e “a que temos que agardar para un plan de choque e intervención para proporcionar seguridade tanto ás usuarias como a profesionais que desenvolven o traballo grazas á súa implicación e profesionalidade pese a todos os atrancos”.