Cada vez máis divorcios: aumentan 3% as rupturas matrimoniais na Galiza

Imaxe de arquivo dun casamento (Foto: Viktar Vysotski).
Os datos sitúan Galiza como o sexto territorio con máis número de rupturas do Estado, por baixo de Andalucía (3.804), Catalunya (3.098), País Valencià (2.567), Madrid (2.360) e Canarias (1.147).

O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas na Galiza no terceiro trimestre deste ano foi de 1.031, 3% máis que as 1.001 do mesmo período de 2022, segundo datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) esta segunda feira.

Os datos sitúan Galiza como o sexto territorio con máis número de rupturas do Estado, por baixo de Andalucía (3.804), Catalunya (3.098), País Valencià (2.567), Madrid (2.360) e Canarias (1.147).

Na comparativa de demandas de ruptura matrimonial respecto á poboación ao 1 de xaneiro de 2023, obsérvase que, por cada 100.000 habitantes, na Galiza contabilizáronse 38,2 demandas, por baixo das 40,8 de media estatal.

Así, no país aumentaron os divorcios consensuados (de 553 a 627, 13,4%) e os non consensuados descenderon (de 414 a 379, 8,5%).

Pola súa parte, as separacións consensuadas baixaron de 24 a 18, o que contrasta coa subida das non consensuadas de cinco a oito. Ademais, entre xullo e setembro contabilizáronse dúas peticións de nulidade matrimonial.

Tamén se iniciaron 153 procedementos de modificación de medidas consensuadas, 15% máis. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 319 a 332, 4,1% máis.

Garda e custodia

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos menores non matrimoniais, rexistráronse 251 demandas de modificación de medidas non consensuadas fronte ás 245 do terceiro trimestre de 2022, o que se traduce nun aumento de 2,4%; e 201 demandas de modificación de medidas consensuadas (181 o ano anterior), o que representa unha subida interanual de 11%.