Nove de cada dez galegos fican no nivel medio-baixo de restricións

Mapa coas restricións que se aplicarán a cada concello a partir das 00 horas deste sábado (Infografía: Nós Diario).
A partir do 15 de setembro, cada hostaleiro decidirá a capacidade do seu local, mais isto irá parello ás exixencias en materia sanitaria. Nalgúns casos permitirase o uso individual ou cunha persoa convivente das barras. Aliás, o Comité Clínico xa traballa nos novos protocolos para o lecer nocturno e as reunións sociais.

A Galiza xa deixou atrás o pico da quinta vaga da Covid-19. Ou, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a cuarta, xa que desde o inzamento de contaxios do pasado xaneiro o país "non tivo unha nova vaga até o mes de xullo". O mandatario galego afirmou nesta cuarta feira, na rolda de prensa posterior á xuntanza do Comité Clínico da terza, que a mellora da situación epidemiolóxica está xa "constatada e consolidada".

Os casos activos caen a 5.177 (379 menos que na xornada anterior e case a cuarta parte dos rexistrados a comezos de agosto). Tamén descenden os novos positivos diarios, 150 no último día (-6), e a taxa de positividade das probas PCR, que fica en 3,6%, por baixo do limiar de 5% recomendado para controlar a transmisibilidade. De feito, na última semana non se detectaron infeccións en 125 concellos.

Baixa a incidencia acumulada, tanto a 7 días (60 casos por cada 100.000 habitantes) como a 14 (173, un dato doce puntos superior á media estatal). E a variante Delta do coronavirus reafirma a súa predominancia con 99% de circulación na Galiza.

No que atinxe á ocupación hospitalaria, fican 120 persoas ingresadas en planta (-24) e outras 49 na UCI (+3). Aliás, desde o inicio da pandemia faleceron 2.592 persoas coa Covid-19 (+2).

Por outra banda, nas residencias de maiores continúan 69 usuarias e usuarios contaxiados —a Xunta non informa das infeccións de traballadoras—, e sete residentes nos centros de atención á diversidade.

Vacinacións masivas sen cita previa

Na Galiza 92,5% da poboación maior de 12 anos recibiu xa, cando menos, unha dose da vacina contra a Covid-19, e 85,8% ten a pauta completa. A Xunta marca como obxectivo rematar a inmunización total de todas as persoas susceptíbeis de vacinar o 19 de setembro.

Faltan "menos de 200.000 persoas" por recibir o fármaco, que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) segue a citar a través do sistema de repesca. Aliás, Núñez Feixoo anunciou que este sábado abrirán os centros de vacinación masiva das sete áreas sanitarias a toda a poboación que aínda non conte coa primeira dose, sen necesidade de pedir unha cita previa.

E, co gallo do inicio do curso universitario, habilitaranse puntos de vacinación nos sete campus para todo o persoal os días 13 e 14 de setembro, tamén sen cita previa.

Cambios de nivel

A partir das 00 horas deste sábado —previa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG)— ningún municipio estará no nivel máximo de restricións. No alto, pola súa banda, haberá cinco: Curtis, Melide, Monforte de Lemos, A Pobra de Trives e Viana do Bolo.

No chanzo medio ficarán 16 concellos —Agolada, Antas de Ulla, Arteixo, Arzúa, Castro de Rei, Lugo, Monterroso, Muros, Muxía, Nigrán, Ordes, Palas de Rei, O Pino, Santa Comba, Sarria e Taboada—, e no medio-baixo os 292 municipios do país (90,3% da poboación).

Protocolo da hostalaría

Núñez Feixoo tamén explicou en que consistirá o novo protocolo aprobado para a hostalaría, que entrará en vigor o vindeiro 15 de setembro. O presidente asegurou que a Xunta segue a expensas de que o Tribunal Supremo se pronuncie a respecto da exixencia do certificado Covid, unha medida tombada o pasado mes polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ao considerala "innecesaria e non idónea".

Así, agora serán os propios hostaleiros quen decidan o nivel de restricións que aplican en cadanseus estabelecementos. Os denominados de tipo 1 terán unha capacidade máxima de 50% no interior e 75% nas terrazas, e non poderán usar as barras. Deberán expor de forma pública a capacidade permitida, garantir o distanciamento mínimo de 1,5 metros entre as mesas, ter un medidor de C02 con anotacións cada catro horas e o persoal someterase a unha formación en "protocolo Covid" de dúas horas. Aliás, portarán máscaras hixiénicas que se renovarán cada catro horas.

Noutra orde, nos de tipo 2 a capacidade será 75% no interior e 100% no exterior e poderán usarse as barras, de forma individual ou dúas persoas se son conviventes. Neste caso, a distancia de 1,5 metros será entre as persoas das distintas mesas, o medidor de C02 deberá ofrecer datos de forma continua e os restaurantes deberán levar un rexistro dos clientes. O persoal fará a mesma formación, terá que someterse a probas diagnósticas cada sete ou 14 días (en función da situación do concello) e poderá demandar ao hostaleiro máscaras FFP2.

A Xunta prevé un terceiro nivel na hostalaría para "casos extraordinarios de extrema gravidade", mais o presidente non concretou en que consistiría.

Lecer nocturno e reunións sociais

O presidente tamén anunciou que os centros socioculturais poderán abrir a 50% nos niveis alto e máximo e a 75% no medio e medio-baixo. Aliás, o Comité Clínico xa está a traballar nos novos protocolos para o lecer nocturno e para as reunións sociais, que serán aprobados "moi cedo".