A variante Delta da Covid-19 infecta ao mesmo nivel persoas vacinadas que non vacinadas

A análise preliminar dun estudo realizado na Universidade de Oxford, e publicado na revista The BMJ, destaca que a carga viral é a mesma nos dous grupos de persoas se se infectan con esta cepa. Así, sinalan os fármacos como remedios para rebaixar o risco ao contraer a enfermidade e non o risco de infectarse.
Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
photo_camera Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

A variante Delta da Covid-19 infecta ás persoas vacinadas coa mesma carga viral que a aquelas persoas que non teñen a inoculación do remedio fronte ao virus. Así o concluíron investigadoras da Universidade de Oxford, que publicaron un artigo sobre o inicio dun estudo na revista The BMJ.

Actualmente, a inoculación dunha ou dúas doses -dependendo do fármaco- da vacina é a forma máis eficaz de ter protección quer contra a cepa Delta, quer contra outras, pero xa se sabía que malia estar inmunizados, os individuos poden infectarse por Covid-19 cun cadro máis leve que antes de contar co remedio.

No entanto, a comunidade científica e sanitaria mundial continúa a facer os seus estudos da situación e un grupo de expertos da institución académica do Reino Unido comprobaron que persoas contaxiadas coa variante Delta e que xa estaban vacinadas "teñen niveis de virus similares aos que non se vacinaron".

Isto supón, ao seu entender, "un maior desafío á hora de acadar a inmunidade de grupo". Nos traballos preliminares observouse que as vacinas desenvolvidas por AstraZeneca e Pfizer ofrecen unha boa protección contra novas infeccións, aínda que non tanto cando se trata da variante Delta.

Para alcanzar esta conclusión, os investigadores analizaron 2.580.021 resultados de hisopos tomados de 384.543 adultos entre o 1 de decembro de 2020 e o 16 de maio de 2021, cando predominou a variante Alfa, e 811.624 resultados de 358.983 adultos entre o 17 de maio e o 1 de agosto de 2021, cando prevaleceu o Delta.

Chave para evitar mortes pero non contaxios

Desta forma comprobaron que cando prevaleceu a Delta, a eficacia da vacina Pfizer foi do 80% aos 14 ou máis días despois de dúas dose, a cal foi maior que despois de dúas dose da vacina AstraZeneca (67%) pero non significativamente diferente da protección que brinda a inmunidade natural en persoas non vacinadas que deron positivo ao SARS-CoV-2 (72%).

A eficacia das dúas vacinas non dependeu do tempo transcorrido entre a primeira e a segunda dose, aínda que as persoas que foron vacinadas despois de padecer a Covid-19 tiveron máis protección coas vacinas que aquelas que foron vacinadas sen unha infección natural previa.

"Agora hai bastantes probas de que todas as vacinas son moito mellores para reducir o risco de enfermidade grave que para reducir o risco de infección. Agora sabemos que a vacinación non deterá a infección e a transmisión, pero si reducirá o risco. O principal valor da inmunización é reducir o risco de enfermidade grave e morte", resumiron as persoas expertas.

Comentarios