O novo protocolo para a hostalaría entrará en vigor o 15 de setembro

Varias personas na terraza dun bar en Ribadeo. (Carlos Castro/ Europa Press).
O documento foi aprobado polo Comité Clínico e diferencia dous tipos de estabelecementos segundo o nivel de exixencia que estean dispostos a asumir. A capacidade dos locais será maior cantos máis requisitos sanitarios e de seguridade cumpran. 

O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo avanzou os do protocolo "guía para os próximos meses" que vai marcar o funcionamento da hostalaría, un dos acordos máis esperados polo sector que aspira a unha maior estabilidade.

O documento fixa un triplo obxectivo: unha hostalaría segura, con todas as garantías sanitarias e sen a obriga de fechar os seus negocios.

Niveis e tipos de estabelecementos

O protocolo estabelece dous niveis de seguridade e polo tanto locais de tipo 1 ou de tipo 2 segundo a escolla que fagan e os requisitos que estean dispostos a asumir.

Así, os estabelecementos de tipo 1 asumirán as condicións de seguridade mínima.

Poderán funcionar cunha ocupación de 50% no interior e 75% en terrazas. A distancia entre mesas será de 1,5 metros e deberán expoñer ao público toda a información relativa á súa capacidade. Deberán contar con medidores de CO2 con anotacións cada catro horas E dispoñer de máscaras cirúrxicas para o persoal, que deberá mudar cada catro horas. Ademais, sinala unha formación de dúas horas en protocolo Covid.

Os estabelecementos de tipo 2 asumirán uns requisistos superiores.

Poderán traballar en interiores a 75% e a 100% no exterior. E poderán dispoñer das barras. Con todo, o protocolo recolle un uso individual da mesma ou acompañado dun convivente.

A distancia de metro e medio xa non será entre meses senón entre persoas das distintas mesas. os restaurantes estarán obrigados a levar un rexistro de clientes. As medicións de CO2 serán continuas e malia non ser unha exixencia recomendan a instalación de contadores para que salte o aire acondicionado cando se supere o nivel.

Deberán dispor de máscaras FFP2 e facilitar probas aos seus traballadores cada 7 ou 14 días, ademais das horas de formación que tamén afectan aos locais de tipo 1.

O horario de feche non muda

O protocolo entrará en vigor o 15 de setembro cun horario de feche que se mantén, polo momento, á unha da madrugada.

Nuñez Feixoo avanzou un terceiro nivel de seguridade para casos extraordinarios, de gravidade extrema e por mor dunha situación epidemiolóxica imprevista e cunha importante ocupación hospitalaria que activaría un protocolo distinto.

Outras mudanzas

O presidente da Xunta avanzou cambios nas capcidades permitidas en determinados ámbitos pendentes de revisión.

Así, os eventos deportivos poderán ampliar a súa cabida no exterior a 60% e a 40% no interior independentemente do concello.

Con respecto á actividade deportiva non federada e os ximnasios, avanzou a vontade do Goberno galego de abrir un diálogo co sector para acordar un protocolo específico como se fixo coa hostalaría

Os centros cívicos, sociais  e sociocomunitarios poderán abrir a 50% da súa capacidade nos niveis máximo e alto e a 75% no nivel medio e medio-baixo.