Un de cada catro galegos, en risco de pobreza ou exclusión social

Cae en dous puntos porcentuais a relación de persoas nesta precaria situación. (Foto: Nós Diario)
Case 30% da poboación galega recoñece non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos e 7% padece "moitas dificultades" para chegar a fin de mes.

Practicamente un de cada catro galegos e galegas está en risco de pobreza ou exclusión social. Así se desprende da Enquisa de Condicións de Vida publicada esta segunda feira polo INE, un documento que explicita que até 23,6% da cidadanía estaba nesta situación en 2022, o que supón, con todo, case dous puntos porcentuais menos que un ano atrás (25,2%), segundo a taxa Arope (risco de exclusión ou pobreza, en inglés). En consecuencia, a Galiza sitúase lixeiramente mellor que a media, xa que no total do Estado español até 26% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión social.

Ademais, o 18% dos galegos estaba en risco de pobreza tomando como referencia a renda do ano anterior, 2,2 puntos menos que un ano antes e 2,4 puntos menos que a media estatal, onde unha de cada cinco persoas (20,4%) está en risco de pobreza. Os ingresos medios por persoa na Galiza sitúanse nos 12.352 euros, por baixo dos 13.008 euros que percibe a media española.

Entre outros datos, case catro de cada dez galegas e galegos (39,1%) non pode permitirse ir de vacacións fóra da casa cando menos unha semana ao ano. Esta cifra dista da media española, que está en 33,5%.

Por outra parte, 29,3% das e dos habitantes da Galiza non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, do mesmo modo que lle acontece a 35,5% das persoas no conxunto do Estado.

Así mesmo, un 9,4% dos galegos asegura ter atrasos en pagamentos relacionados coa vivenda principal ou en compras a prazos, cifra que sobe a 13,2% na media estatal. E 7% da poboación galega afirma ter "moita dificultade" para chegar a fin de mes, como o 8,7% no Estado.

O INE tamén publica cifras sobre as condicións da vivenda, onde 93,4% dos galegos móstranse satisfeitos en xeral co fogar no que residen, só superados polos asturianos (93,6%). A media española está no 88,1%.

Así, Galicia sitúase mellor que a media nacional, xa que no total de España un 26% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión social Arope (polas súas siglas en inglés, At Risk Of Poverty or social Exclusion)