Medio Ambiente

A Unesco recoñece oficialmente o Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial

Visita da delegación enviada pola Unesco para avaliar o proxecto de Xeoparque de Ortegal. (Foto: Nós Diario)
O proxecto abrangue os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

A Unesco designou esta cuarta feira 18 novos xeoparques mundiais, e entre eles figura un situado en territorio galego: o de Cabo Ortegal. O proxecto, impulsado desde a área de Turismo da Deputación da Coruña e os sete concellos das comarcas de Ortegal e Ferrolterra que abrangue, é un enclave marcado por rochas que emerxeron da Terra hai perto de 400 millóns de anos. Son, en concreto, os municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, cunha extensión que rolda os 800 quilómetros cadrados.

Coas novas designacións aprobadas polo Consello Executivo do organismo, a Rede Mundial de Xeoparques da Unesco alcanza os 195 espazos repartidos en 48 Estados e que suman unha superficie total de 486.709 km2, é dicir, o equivalente a dúas veces o tamaño do Reino Unido. O Xeoparque de Cabo Ortegal foi incluído ao ofrecer, explicaron desde a Unesco, "algúns dos testemuños máis completos de Europa da colisión que orixinou Panxea, un proceso coñecido como oroxénese varisca".

A maioría das rochas deste xeoparque saíron á superficie pola colisión de dous continentes, Laurasia e Gondwana, que acabarían uníndose ao supercontinente Panxea hai uns 350 millóns de anos. Cando se produciu a colisión, estas rochas estaban situadas no manto superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. O cobre explotado nas minas do xeoparque orixinouse por mor dunha intensa actividade térmica no fondo mariño, onde as chemineas volcánicas —chamadas fumarolas— liberaron gases e minerais a alta temperatura que posteriormente se arrefriaron ao entrar en contacto coa auga.

A etiqueta de Xeoparque mundial da Unesco creouse en 2015 para recoñecer o patrimonio xeolóxico de importancia internacional. Ao combinar a conservación do seu importante patrimonio xeolóxico coa divulgación pública e un enfoque sustentábel do desenvolvemento, os xeoparques prestan un servizo ás comunidades locais.

Entre os novos espazos incluídos, destacan Filipinas e Nova Zelandia que se incorporan á rede. Así, incorpóranse á Rede os xeoparque de Caçapava e o de Quarta Colônia, ambos no estado de Río Grande do Sur (Brasil); a illa de Bohol, no arquipélago das Bisayas (Filipinas), e Lavreotiki (Grecia). Indonesia suma catro novos xeoparques: Ijén, na provincia de Xava oriental; Maros Pangkep, na illa de Célebes; Merangin Jambi na illa de Sumatra, e Raja Ampat.

A rede da Unesco incorpora, aliás, o xeoparque do río Aras, na coordillera do Cáucaso Menor e o xeoparque de Tabas, ambos en Irán; o enclave de Hakusan Tedorigawa, no centro de Xapón; Kinabalu (Malaisia); o geoparque Waitaki Whitestone, en Nova Zelandia; o Sunnhordland, en Noruega; o geoparque da costa oeste de Jeonbuk (Repúlbica de Corea); Khorat, en Tailandia e no Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, o xeoparque Mundial de Mourne Gullion Strangford.

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, formada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, celebrou a través dun comunicado a consecución do seu obxectivo. Perante esta nota remitida aos medios, a entidade mostrou unha "gran satisfacción" pola noticia, que asegura que é resultado de "anos de intenso traballo", e agradeceu ás persoas que fixeron deste "un proxecto gañador".

Visita da delegación enviada pola Unesco á zona. (Foto: Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal)

Desde o colectivo lembran que, despois de varios anos preparando o terreo, en 2020 presentouse por primeira vez a candidatura a xeoparque ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco, mais non foi seleccionada como a candidatura oficial do Estado. No ano 2021 reformulouse a candidatura, sendo nesta ocasión admitida como "candidatábel" e recibindo a maior das puntuacións. Así, a Comisión presentou oficialmente ante o Comité internacional de xeoparques a candidatura de Cabo Ortegal.

O proxecto presentado foi avaliado en 2022 por dous auditores da Unesco que, a finais de agosto de 2022, visitaron durante cinco días o territorio para facer unha avaliación in situ. Dos procesos de avaliación derivaron informes técnicos positivos que foron elevados á Comisión Internacional de xeoparques que, en decembro de 2022, propuxo que o Consello Executivo da Unesco recoñecese este proxecto. Após este camiño, o proxecto alcanzou o éxito na 216ª Asemblea celebrada na sede de París esta mesma semana, que recoñece xa oficialmente o Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial da Unesco.