Cabazas e magostos, símbolo da relación cos "nosos mortos" na festa do Samaín

Obradoiro de cabazas para festexar o Samaín na cidade de Ourense. (Foto: Lois Pardo).
A festividade de Santos e Defuntos gañou en presenza e diversidade iconográfica mais non deixo de celebrarse nunca.

Cando a festa do Samaín comezou a destacar en Ourense, en Ferrolterra xa contaban varios anos de experiencia arredor dunha celebración que non era nova pero que ano tras ano gañaba seguidores, riqueza iconográfica e novos espazos de lecer.

"Levabamos un tempo dándolle voltas á posibilidade de facer algo arredor da festa de Santos, que algúns xa denominaban Samaín e outros moitos comezaban a chamar Halloween, unha forma deturpada do inglés All Hallows' Eve, véspera de Todos os Santos. A festa americana estábanos invadindo e foi entón cando decidimos deseñar un programa de actividades que levamos a cabo o día mais importante para nós, o día dos magostos". 

Lois Pardo, xestor cultural, era parte en 2005 da candidatura galego-portuguesa a patrimonio inmaterial da Unesco, unha iniciativa vinculada á tradición oral e a manifestacións sociais, rituais e festivas impulsada por Ponte... nas Ondas! No marco daquela candidatura promoveron numerosas actividades de apoio "desde o Douro para arriba até os Oscos". Foi aí cando conseguiron que o Concello de Ourense se sumase á candidatura cun acto centrado no Samaín "e que programamos o día do patrón, o 11 de novembro, San Martiño".

Foi a primeira festa de moitas, "e se lle chamamos así foi porque xa existía outra experiencia na Galiza, liderada por Rafael López Loureiro, que levaba 20 anos facendo o Samaín en Cedeira". Foi un xesto de respecto e recoñecemento que non impediu que se debatese sobre o acaído dun nome herdado da tradición gaélica.

Tradición e plástica

Ourense foi o primeiro contorno urbano en celebrar o Samaín, "a festa de Santos, dos Defuntos, dos magostos", unha tradición que foi gañando presenza en todo o territorio e que mesmo deu o salto ao currículo escolar, apunta Pardo, quen atribúe o éxito desta festividade "á influencia da promoción da cultura estadounidense" pero tamén a conexión inmediata da comunidade con esta celebración, "da que ninguén oíra falar nunca até fixemos a festa, entón a memoria das cabazas e da troula, nalgúns casos, abrollou. E sobre todo, esa parte da relación co alén dos celtas, co máis alá, coas ánimas". A festa da morte, esa que ten lugar entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno "na que os campos quedan ermos e nos lembramos dos que xa non están", salienta Pardo, non deixou de celebrarse nunca.

"A Santa Compaña está na mente de todos, os cemiterios énchense de flores. A celebración per se, estivo sempre viva. Outra cousa é a iconografía". A representación do Samaín foi gañando expresividade, "pero debéramos aprender a valoralo todo, tamén o interno, o que vai na cabeza de cadaquén, como no Entroido, que é moito máis que unha máscara".

Detrás do Samaín hai unha data e un concepto que traspasa fronteiras: a comunicación cos mortos, "nos Estados Unidos, Filipinas, México, Xapón". Co tempo, sinala Lois Pardo, os elementos de xogo, baile e divertimento van crecendo. "E na Galiza hai un elemento gastronómico que se suma a estes,  baseado nun produto que é dos últimos que da campo antes de morrer; rodeado dunha grande oralidade. Hai seguro quen ouviu algunha vez que cando unha castaña estoupa nun magosto sálvase unha ánima do purgatorio".

A obra de Castelao na resistencia do Samaín

Lois Pardo compartirá co público que se achegue esta noitiña ás 20.15 horas ao Café Cultual Auriense as orixes e características da festa do Samaín en Ourense, unha cidade que, desde o Goberno local, xa non repara nesta tradición na que foi pioneiro. "O Concello de Ourense debe ser o único do Estado que non ten Concellería de Cultura. Podemos dicir que Ourense non ten Cultura. O Concello de Nós, de José Ángel Valente, de Arturo Baltar, dos sete artistas galegos, das exposicións do Hotel Roma non ten Cultura. Aquí non se celebra nada", destaca Pardo.

Neste contexto, a iniciativa da Agrupación Cultural  Auriense arredor do Samaín é un acto de resistencia que se completará o 31 de outubro cun taller de cabazas e unha lectura pública da obra de Castelao Un ollo de vidro, a semellanza do acto programado a mesma tarde na Coruña por Galiza Cultura.