Caballero prevé que o AVE conecte Lisboa con Vigo en 2030

Dous trens AVE nunha estación. (Foto: Europa Press)
O alcalde de Vigo lembrou esta quinta feira que o Executivo portugués xa amosou a súa aporta na mobilidade na zona Atlántica. Aliás, o Eixo Atlántico tamén convenceu á Xunta da necesidade de pedir fondos a Madrid para completar a parte galega da infraestrutura.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, prevé que o AVE ou a conexión ferroviaria de alta velocidade entre a cidade e a capital portuguesa estea lista “en 2030”. Así o manifestou hoxe interrogado sobre o interese por esta infraestrutura pola que o Executivo luso xa manifestou a aposta.

Despois de que o Eixo Atlántico insistira en distintos foros na necesidade de aproveitar a previsión de futuro do Estado portugués para unir Lisboa con Vigo e, por tanto, con Galiza, Caballero tamén ve vantaxes nesta infraestrutura.

Na súa opinión esa unión por tren entre as dúas cidades podería chegar dentro de dez anos, é dicir, “en 2030”.

Lembrando que o ministro de Infraestruturas luso, Pedro Nuno de Oliveira, xa amosou que a iniciativa vai ir adiante en Portugal, o rexedor asegurou que tanto o seu equipo como o Goberno do Estado español xa amosaron que tamén apostan nesta conexión.

Será posíbel “grazas á saída sur ferroviaria nun túnel desde a terminal de Urzáiz” explicou Caballero, se vén até hoxe non se sabía dese compromiso de Pedro Sánchez.

“Tamén considera que a saída sur é unha prioridade”, defendeu o político socialista, que asegurou ter falado do tema con ministro Ábalos. “Xa sabemos que o Goberno” do Estado español “o avala”, engadiu.

Na parte que corresponde a Portugal, deuse a coñecer que a idea á recorrer á fondos europeos para ampliar o trazado do AVE desde Lisboa até a fronteira con Galiza. Pola súa banda, “o Goberno de España verá como encadra a inversión” do tramo que quedaría até Vigo.

Críticas a Feixoo

Este proxecto de mobilidade entre os dous territorios terá moitas cousas positivas, como xa comentaron distintos actores, pero estar rápido nunha e noutra punta do traxecto non vai ser algo inmediato.

Despois de que o Eixo subliñara hai semanas a importancia económica e turística para Galiza e Portugal, o alcalde sinalou que para Vigo é “moi importante porque será un centro de confluenza da alta velocidade no Corredor Atlántico”. A esperanza é que se estree todo o corredor ferroviario en 2030.

“Esta é unha realidade que algúns non queren ver, e cando digo algúns refírome ao presidente da Xunta”, lanzou Caballero. O que é certo é que a primeira vez que se pronunciou o Executivo galego foi hai uns días a instancias do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.