Bruxelas rememorará o 10º aniversario do accidente do Alvia

Intervención da parlamentaria Ana Miranda diante do pleno da Eurocámara. (Foto: Philippe Buissin)

A instancias do BNG, o Parlamento Europeo acollerá unha conferencia sobre seguridade ferroviaria.

O vindeiro 6 de xullo o Parlamento europeo acollerá a conferencia “O accidente de Angrois, 10 anos despois: Temos avances en seguridade ferroviaria?”, que organiza a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, co apoio do grupo parlamentar no que está integrado o Bloque (o grupo Verdes-ALE).

“Temos moitas preguntas enriba da mesa, dez anos despois do accidente e catro tras a apertura do procedemento de infracción por parte da Comisión Europea contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria”, sinala Miranda.

Na conferencia participará unha nutrida representación das vítimas do accidente (moitas delas pertencentes á Plataforma Víctimas Alvia 04155) así como a Comisión Europea, representada polo director de Transporte Terrestre da Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, Kristian Schmidt, e a Axencia Ferroviaria Europea (ERA), representada polo seu director executivo, Josef Doppelbauer, que falarán de seguridade ferroviaria en Europa: infraestrutura, avaliación de riscos e infraccións, nun panel no que tamén intervirá o presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez.

A conferencia tamén abordará os dereitos dos pasaxeiros e das pasaxeiras e os dereitos laborais ferroviarios en Europa, nun panel no que intervirá o secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (SEMAF), Diego Martín Fernández, así como a Federación de Transporte Europea.

“A Axencia Ferroviaria Europea afirmou no seu informe de 2016 sobre o accidente que non foi só causado por un erro humano do maquinista senón que hai causas profundas do mesmo, e que aos usuarios e ás usuarias do tren Alvia vendéuselles un billete de alta velocidade que en realidade non o era, por faltar condicións de seguridade como o ERTMS ou o freado automático", manifesta a eurodeputada galega.

Dereito á verdade

Ademais, na xornada de traballo que decorrerá en Bruxelas tratarase a “longa loita pola verdade e a xustiza” así como a “impresentábel falta de asunción de responsabilidades políticas por parte do Goberno español”. Este tema abordarase nun panel no que intervirán a vítima e ex-deputada do PP da Asemblea de Madrid, Teresa Gómez-Limón, ademais das vítimas Esperanza Fernández Iglesias e Silvia Buitrago Valbuena.

“A cidadanía ten dereito saber que medidas se puxeron en marcha, se é que se puxo algunha, para evitar que aconteza outro accidente como o de Angrois”, salienta a eurodeputada do Bloque.

“Desde o BNG non imos deixar de apoiar as vítimas, nin de loitar por coñecer a verdade, nin de traballar para que non se produza outro accidente semellante e que haxa responsabilidades políticas polo accidente. Por esforzo e traballo non vai quedar”, subliña Ana Miranda, que conclúe que na conferencia “queremos honrar a memoria das 81 vítimas de Angrois, o accidente ferroviario mais grave dos últimos 30 anos en Europa”.