Bruxelas demanda o Estado español por incumprir a normativa de impacto ambiental da gandaría industrial

Encoro das Conchas, afectado pola contaminación de nitratos. (Foto: Nós Diario)
A denuncia afecta os Gobernos español e galego, entre outros.

A Comisión Europea presentou unha demanda contra o Estado español polos continuos incumprimentos que o Goberno de Pedro Sánchez e os Executivos de varias autonomías, entre elas a Galiza, realizan de maneira sistemática da normativa de impacto ambiental da gandaría industrial.

En concreto, o Diario Oficial da Unión Europea recolleu o pasado 31 de outubro a presentación desta demanda de Bruxelas contra o Estado, con motivo da vulneración da Directiva, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos de orixe agraria.

Neste sentido, a Comisión Europea critica que os Gobernos español e da Galiza, Castela e León, Estremadura, Illas Baleares, Illas Canarias, Madrid e o País Valencià sigan sen designar zonas vulnerábeis aos nitratos nos seus territorios, "pese a que os datos obtidos a través da rede de control da contaminación provocada polos nitratos de orixe agrícola xustifican a súa designación".

Segundo Bruxelas, o Estado español incumpriu a lexislación "ao non adoptar as medidas adicionais ou accións reforzadas nos territorios onde a contaminación por nitratos mostra unha tendencia á alza, en particular Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León e Murcia".

A demanda subliña tamén que o contido dos programas de acción para protexer as zonas vulnerábeis a esta contaminación é insuficiente ao non adoptar "as medidas adicionais ou accións reforzadas nos casos de Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura e Madrid".

Repetidas denuncias de ecoloxistas

O portavoz de Ecoloxistas en Acción, Daniel González, afirmou que a demanda interposta contra o Estado español “sinala claramente os responsábeis competentes en materia ambiental e agraria, pois demostra a súa inacción neglixente en relación á protección das augas polos nitratos procedentes da gandaría e agricultura industrial”.

“Desde hai dous anos reclamamos unha moratoria que free a contaminación por nitratos e o resto de impactos sociais e ambientais da gandaría industrial", engadiu González.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) tamén leva anos a denunciar a contaminación provocada polas instalacións de gandaría intensiva na Galiza. As accións dos ecoloxistas céntranse especialmente na zona da Limia, onde existe a maior presenza de complexos gandeiros deste tipo.