O BNG critica a xestión ambiental da Xunta na Limia

Interpelada polas zonas contaminadas por nitratos, a Xunta aduce que para proceder a esa declaración "necesítase previamente" unha declaración estatal.
O deputado do BNG Mini Rivas durante unha intervención no Parlamento.
photo_camera O deputado do BNG Mini Rivas durante unha intervención no Parlamento.

O BNG censurou este mércores no Parlamento da Galiza a xestión ambiental da Xunta na comarca da Limia, afectada por altos niveis de nitratos e que non conta con zonas declaradas vulnerábeis a este respecto. Segundo esgrimiu o Goberno galego, para iso "necesítase previamente" a declaración de masas de auga afectadas, "de competencia estatal".

Nunha interpelación ao Goberno, o nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini', afeou ao Executivo "ser consciente en todo momento da situación", dado que "o BNG xa rexistrou varias iniciativas para reclamar ao Goberno galego medidas que freen unha futura declaración de 'zona vulnerábel' por parte de Europa.

Declaración de vulnerabilidade

"Neste momento pende sobre a comarca da Limia unha posíbel declaración de vulnerabilidade por parte do Tribunal de Xustiza de Europa após unha denuncia da Comisión europea", remarcou o nacionalista. Con isto, explicou, os produtos xerados pola agricultura e gandaría da Limia "corren un grave risco, xa que non gozarán da excelencia pola que son coñecidos".

Para os nacionalistas isto débese ao "abandono" e "desidia" das políticas do PP, "que non deixa de botar balóns fóra e deixar correr o tempo".

A resposta da Xunta

José González, conselleiro de Medio Rural, explicou que se Galiza non ten declaradas zonas vulnerábeis por contaminación por nitratos "é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de augas afectadas, que no caso da Limia corresponde ao organismo de conca adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico", é dicir, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O conselleiro lembrou que a pasada segunda feira, no Consello Consultivo, trasladoulle ao ministro de Agricultura, Luís Planas, "que a principal necesidade dos gandeiros galegos, ademais de facer fronte á prohibición da venda a perdas, é resolver a problemática da xestión dos xuros".

Comentarios