O brote na Mariña continúa a estenderse

Imaxe de arquivo dun test (Foto: Europa Press)

Cinco persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña

A Consellería de Sanidade informa que até a mañá desta quinta feira confírmanse outros 21 casos activos de persoas afectadas por Covid-19 no brote da Mariña. Os novos casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas elevan a 165 o número de casos activos dentro deste brote.

Sanidades salienta que se produciron 25 altas epidemiolóxicas de persoas que eran positivas e que xa están curadas.

Así pois, os novos casos positivos na última xornada foron 36.

“Así mesmo, destacar que os novos positivos que se produciron están relacionados co brote, o que permite seguir a garantir a trazabilidade dos casos e continuar na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión e conter o brote”, indica nun comunicado.

Dos 165 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

Cinco persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable.