O brote da Mariña segue a medrar ás portas do 12-X

Os casos continúan ascendendo na Mariña, con 137 só en Burela. (Europa Press)
A Xunta rebaixa as restricións na metade dos concellos da Mariña, afectada por un brote de coronavirus que leva en ascenso ininterrompido desde hai dúas semanas e que suma xa 182 casos. A decisión adóptase en vésperas dunhas eleccións galegas que estarán marcadas pola situación epidemiolóxica desta comarca e pola negativa do Goberno galego a tomar medidas máis severas, fronte as cifras de contaxios e as voces que exixen garantías sanitarias para que a poboación mariñá poida exercer o seu dereito en igualdade ao resto da cidadanía galega.

A 48 horas da xornada electoral, a Consellaría de Sanidade anunciou onte as restricións que este domingo –e até o día 15– rexerán a mobilidade nos concellos da Mariña afectados por un brote de coronavirus que desde hai dúas semanas vén aumentando os seus casos de forma ininterrompida até os 182 confirmados onte.

Desde a noite do domingo e até onte, a comarca estaba confinada, unha decisión adoptada pola Xunta cando a cifra de contaxios se achegaba xa á centena, tras "fracasaren" as actuacións previas para controlar a expansión do virus e ante a constatación de que o abrocho tiña xa características de transmisión comunitaria, segundo se recoñecía nun informe do Sergas remitido o pasado día 6 ao xulgado pola propia Consellaría para validar as directrices sanitarias.

Desde hoxe, as medidas endurécense en Burela, o máis afectado dos concellos da Mariña con 137 persoas contaxiadas, que quedará fechado tamén á comarca, mantendo unicamente a liberdade de movemento dentro do termo municipal, mentres que Barreiros (con 5 casos activos), Cervo (2), Foz (17), Ribadeo (4) Viveiro (11) e Xove (5), cualificados onte polo conselleiro Jesús Vázquez Almuíña  como de "incidencia media", manterán cinco días máis as limitacións de mobilidade. 

O Vicedo, Ourol, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e O Valadouro quedan "totalmente libres" ao movemento, segundo comunicou Vázquez Almuíña, sen que os alcaldes e alcaldesas da comarca coñezan "as motivacións, razóns ou indicadores que conduciron á flexibilización ou supresión das limitacións de mobilidade para determinados concellos" ou os informes técnicos que sustentan estas decisións da Xunta, segundo denunciaba onte o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG). 

Se se atende á opinión maioritaria entre os e as dirixentes municipais mariñáns –todos agás os catro do PP–, os partidos da oposición ou en distintos colectivos sanitarios, os motivos que levan a reabrir unha parte da Mariña esta fin de semana ou a manter alí a xornada electoral non son de índole sanitaria, como tamén apuntan as cifras de contaxios, que case se duplicaron nos últimos cinco días –dos 99 casos que o Sergas computaba o domingo no que publicou a orde de fechamento da comarca aos 182 de onte, cando se sumaban 19 novos positivos–.

Cálculos electorais

Así o fixo notar tamén nas últimas horas a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), sociedade científica con máis de mil profesionais, ante a "sospeitosa duración" do confinamento imposto inicialmente pola Xunta, de cinco días, e levantado en parte desde hoxe, "que semella obedecer a cálculos non sanitarios". "Non ten moita base científica, cando se sabe que o período de contaxio é de 14 días, e desde ese punto de vista non podemos defendelo", confirma o doutor Jesús Sueiro, portavoz desta plataforma, quen lembra que o persoal sanitario segue a prescribir 14 días de illamento, e non cinco, para todos aqueles casos sospeitosos, por ser "o que ditan os protocolos médicos".

Da mesma opinión son os e as sanitarias que esta semana fixeron pública a súa preocupación pola situación sanitaria da comarca mariñá, que cualificaban os cinco días de fechamento como un protocolo "inédito no mundo", e "feito á carta para que se poidan facer as eleccións".

 "Cremos que se está a mesturar unha situación de saúde cun interese de facer unha votación, non chegamos a entendelo", manifestaba a pasada quinta feita o doutor Íñigo Melchor, médico no PAC de Viveiro, quen avogaba pola suspensión dos comicios na Mariña ante a situación epidemiolóxica "na que existe transmisión comunitaria" e os riscos que supón a xornada, ao concorrer nela os "criterios de maior transmisibilidade do virus: espazos fechados, con moitas persoas e durante moito tempo".