O brote da Mariña continúa a se estender: 59 casos e 600 persoas confinadas

Hai dúas persoas hospitalizadas polo brote (Foto:Federación de Confrarías)

Doce casos máis nun día. A Xunta mantén unha reunión cos alcaldes e alcaldesas da comarca. Porén, rexedoras como a de Barreiros lamentan non estar convocadas a esa xuntanza. Sanidade pon a responsabilidade nos concellos.

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros doce casos positivos de persoas afectadas por covid-19 no brote de A Mariña, o que eleva a 59 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

Dos 59 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorábel, informa o Sergas.

Aliás, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

A Consellería de Sanidade indica que segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

No caso concreto do brote que está a afectar ao distrito sanitario da A Mariña, a Consellaría indica que tanto o Hospital Público da Mariña como os centros de saúde da comarca "están a realizar un esforzo importante para detectar calquera novo caso e, ademais, dunha forma moi rápida para acotar canto antes o brote".

Xuntanza

Alcaldes e alcaldesas da comarca da Mariña están convocados esta sexta feira a unha reunión coa Consellaría de Sanidade para analizar a situación provocada polo brote de coronavirus. Porén, alcaldesas como Ana Ermida (Barreiros) xa lamentaron non estar convocadas a ese encontro. 

Sanidade pon sobre as costas dos concellos a responsabilidade da loita contra o brote. Insta os municipios da Mariña a que sexan eles quen velen polo "cumprimento das medidas de control, vixilancia e limpeza" fixadas por mor da COVID-19.