Un brigadista sofre queimaduras durante a extinción do incendio de Maceda
Un brigadista resultou ferido por queimaduras durante a extinción do incendio de Maceda (comarca Allariz-Maceda) na tarde do pasado domingo.
Segundo informa a Consellaría do Medio Rural a Europa Press, un bombeiro forestal do distrito 15 sufriu queimaduras nunha perna e un glúteo "por radiación, non por contacto directo coa chama".
O traballador necesitou ser evacuado a un centro médico. Esta segunda feira atópase na súa casa e evoluciona ben.
Este fogo está estabilizado desde as 23.37 horas do domingo, na parroquia de Castro de Escuadro, que levou a que veciños marchasen das súas casas pola proximidade ao núcleo da Teixeira -Situación 2 xa desactivada-.
Calcinou até o de agora 400 hectáreas, segundo as últimas estimacións. A Xunta apunta á "clara intencionalidade" por iniciarse en "entre cinco e seis puntos case simultáneos".
En conversa con Europa Press o pasado domingo, a alcaldesa, Uxía Oviedo, incidía en que, "polas horas e por como se iniciou, todo apunta a iso”.
A rexedora apuntaba que as perdas son dun "valor incalculábel", tanto polo aprecio emocional cara á serra de Maceda, na que avanza o fogo queimando un monte repleto de árbores -carballos e salgueiros, entre eles-, como pola súa necesidade para agricultores e gandeiros que viven dela.
