"Botei 40 horas tirado en urxencias esperando a ser ingresado". Eis o relato dun usuario do Sergas

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
'Nós Diario' tivo coñecemento deste caso acontecido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) que en palabras da persoa afectada é “realmente grave e denota a pésima situación en que se encontra a sanidade pública galega”.

A situación da sanidade pública galega vén sendo denunciada por parte de múltiples organizacións e asociacións que alertas dun deterioro do servizo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofrece ás persoas usuarias.

Nós Diario tivo coñecemento dun caso acontecido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) que en palabras da persoa afectada é “realmente grave e denota a pésima situación en que se encontra a sanidade”.

Trátase de Gelasio Varela, veciño da Laracha que relatou, en declaracións a este xornal, como sufriu un sangrado de ouriño e como foi a súa experiencia ao longo do proceso, desde a súa chegada ás urxencias do hospital até a actualidade.

“Tiven un sangrado que comezou na tarde da cuarta feira, cheguei ás urxencias e foi pasando o tempo sen que me puidesen atender. De feito pasaron case dous días até que fun ingresado en planta, pasei alí tirado dúas noites, até a tarde da sexta feira. En total foron 40 horas que tiven que pasar alí antes de que me ingresaran”, manifesta.

“Xa en planta si que fun tratado decentemente mais ter que pasar tanto tempo en urxencias é unha auténtica vergoña”, relata Varela.

"Indigante"

O afectado sinala que, na súa opinión, “estamos perdendo o esforzo de toda unha xeración e ver que temos unha sanidade neste situación é triste e indignante”.

“As carencias que vivimos na sanidade pública teñen o risco de perpetuarse porque observei unha riada de xente permanente nas salas de espera e quirófanos e vin que o persoal facía todo o posíbel por dar a mellor atención, pero élles imposíbel”.

A persar de todo, Varela confía en que a situación da sanidade pública galega poida mellorar nun futuro: “Eu creo que pode mellorar mais para iso teñen que cambiar moitas cousas antes. Tal e como estamos agora a situación é alarmante”, subliña Varela.