Borrasca 'Herminia': Perto de 7.000 persoas continúan con problemas na subministración eléctrica
Naturgy cualifica a situación de “normalidade” mentres segue a traballar para resolver as avarías pendentes.
Algo máis de 6.000 persoas recuperaron xa a subministración eléctrica na Galiza, tras os problemas causados polos efectos da borrasca Herminia, mentres que case 7.000 persoas seguen con problemas de luz, segundo os datos actualizados que facilitou Naturgy.
Con todo, Naturgy precisou que estas cifras aproxímanse a unha situación de "normalidade" e o persoal técnico segue a traballar para resolver as avarías pendentes, causadas maioritariamente pola caída de árbores e ramas sobre os liñas da rede.
Nas últimas horas, a distribuidora de Naturgy, UFD, mobilizou a unhas 500 persoas e puxo ao dispor medio cento de grupos electróxenos para axilizar a reposición da subministración.
1.400 incidencias
A borrasca Herminia continúa azoutando Galiza, onde o servizo do 112 rexistrou, desde este domingo, un total de 1.392 incidencias vinculadas co temporal. No que vai desta segunda feira houbo un total de 255.
Herminia percorrerá a península e chegará até o Mediterráneo e Baleares ao final do día cando se producirán os fenómenos máis adversos deste temporal que provocará que en 15 comunidades autónomas se activen avisos.
O peor espérase no litoral galego que se atopa en aviso vermello por ondas que poderían alcanzar, segundo a previsión de Meteogaliza, de 8 a 9 metros nalgúns puntos. En concreto, en nivel vermello por ondada desta magnitude estará toda esta xornada A Costa da Morte e o litoral do nordés. Tamén a costa das Rías Baixas a partir das 18 horas

