O ‘bono cultural’ de 400 euros do Goberno do Estado incluirá as touradas e non se limitará por renda

A ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Jesús Hellín Europa Press)
A ministra de Política Territorial Isabel Rodríguez anunciou esta segunda feira a prórroga do 'bono cultural' destinado a mozas e mozos de 18 anos. 

O Goberno do Estado español aprobou esta segunda feira a segunda edición do ‘bono cultural’ co que os mozos que cumpran 18 anos este 2023 poderán gozar de 400 euros para destinar a diferentes actividades ou produtos culturais, desde arte até libros, música e cinema, incluíndo  espectáculos taurinos. A axuda entregarase a todos os mozos e mozas de 18 anos que a soliciten, independentemente da renda familiar.

"É un bono que vai dirixido a todos os mozos e mozas, é o recibimento á maioría de idade e a súa vinculación coa cultura, para a construción dunha sociedade máis crítica e comprometida. Entendo que haberá persoas que igual non o precisen e poida que non o soliciten pero, sen dúbida, son moitas familias onde o acceso á cultura e poder dedicar os seus fillos esta contía tan importante, é ben recibida e valorada", explicou a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno do Estado, Isabel Rodríguez.

Así se pronunciou esta segunda feira, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras e Ministros, ao ser preguntada por se o Goberno español distinguiría por renda para conceder este bono cultural, do mesmo xeito que anunciou que vai facer co bono social térmico, para que o reciban só as familias que o necesitan.

A portavoz do Executivo estatal insistiu en que este bono cultural está dirixido a "todos os mozos e mozas" porque "o que se persegue é que se acheguen á maioría de idade cunha alternativa de lecer distinta e acompañen a unha industria cada vez máis puxante no país, como é a industria cultural".

Bens e servizos subvencionados

Ao igual que na edición anterior, estas axudas de 400 euros poderán destinarse á adquisición e goce de distintos produtos, servizos e actividades culturais.

En concreto, a ministra e portavoz do Goberno español precisou que as mozas e os mozos poderán destinar até 200 euros a "artes, espectáculos en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais como entradas e abonos para música en directo, artes escénicas, cinema, museo, bibliotecas, exposicións, festivais ou espectáculos taurinos".

Ademais, as mozas e os mozos que reciben o bono poderán dedicar un máximo de 100 euros a bens culturais en soporte físico, como "libros, revistas, prensa ou outras publicacións periódicas, tamén a videoxogos, partituras musicais ou discos"; e outros 100 euros ao consumo dixital ou en liña, é dicir, á subscrición en plataformas musicais, de lectura, audiolibros, podcasts, videoxogos en liña, subscricións dixitais a prensa, revistas ou outras publicacións periódicas (cunha limitación de catro meses).

Non obstante, non será subvencionable a adquisición de produtos de artesanía, obra plástica e gráfica, produtos de papelería, libros de texto curriculares, cursos, talleres e seminarios, equipos de software, hardware e consumíbeis de informática e electrónica, instrumentos musicais nin espectáculos deportivos, de moda e gastronomía.

Así mesmo, non será subvencionable a adquisición de produtos que fosen cualificados como 'X' ou pornográficos de conformidade co sistema de regulación de contidos aplicable a cada produto, segundo precisou o Goberno español.