Último día para solicitar o 'bono cultural' de 400 euros destinado á mocidade

23.000 mozos e mozas teñen dereito na Galiza a solicitar esta axuda.
Centro Socio-Cultural Santa Marta de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Centro Socio-Cultural Santa Marta de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

Esta segunda feira remata o prazo para que os mozos e mozas galegas nadas en 2004 soliciten o 'Bono Cultural Xove', unha medida impulsada polo Ministerio de Cultura que conta cun investimento total de 210 millóns de euros a nivel estatal, 9 millóns na Galiza.

Trátase dunha axuda de 400 euros para calquera persoa do Estado español que cumpra 18 anos ao longo de 2022, destinados a sufragar o pago de diferentes actividades e produtos culturais.

No caso da Galiza, 23.000 mozos e mozas poderán solicitar o bono. Tamén poderán solicitalo todos aqueles que teñan a nacionalidade ou a residencia española, así como aqueles que sexan solicitantes de asilo. É o caso de, por exemplo a mocidade ucraína refuxiada no Estado español.

A concesión desta axuda será compatíbel coa recepción de calquera outro tipo de subvención, ingreso ou axuda procedente das demais administracións públicas.

Para cursar a solicitude do 'Bono Cultural Xove' é preciso obter un certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou contar co sistema de autentificación Cl@ve.

Bens e servizos dispoñíbeis co bono

En concreto, o ‘bono cultural’ está divido en catro segmentos: un de 200 euros para destinar ao consumo de eventos culturais ao vivo —cinema, teatro, museos...—, outros 100 euros para consumo cultural físico —libros, prensa, revistas...— e unha terceira liña de 100 euros para produtos dixitais.

Dentro dos contidos dixitais, o Goberno español permitirá costear a subscrición a plataformas audiovisuais por un período máximo de catro meses, ademais de produtos relacionados co sector dos videoxogos.

Comentarios