Un bono de 250 euros de axuda ao alugueiro: coñece os requisitos e como solicitalo

vivenda en aluguer (Foto: Arxina)

Vai dirixido a mozas e mozos de entre 18 e 35 anos e pode solicitarse vía electrónica a partir desta sexta feira.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta quinta feira a resolución da Xunta pola que se estabelecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do bono alugueiro dirixido á mocidade.

A quen vai dirixido?

Estas subvencións, que se concederán por un período de dous anos e cun importe de 250 euros -sempre que non se supere a contía da renda mensual-, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugueiro ou de cesión de uso.

De igual modo, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar tres veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.

Se a persoa solicitante aínda non asinou ningún contrato pero está en condicións de subscribilo tamén poderá pedir o bono alugueiro

Como solicitalo?

A partir desta sexta feira, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos.

Para isto, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsábeis -oito en total- así como completar os anexos correspondentes.

Documentación precisa

A maiores, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía documentación complementaria como o contrato do alugueiro, a referencia catastral do inmóbel, un documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda, un certificado de empadroamento no que conste as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión, así como documentación da fonte regular de ingresos do solicitante.

No caso de que o solicitante teña dereito ao recoñecemento da axuda con carácter retroactivo -desde a firma de contrato de alugueiro, pero nunca con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2022-, tamén deberá presentar o extracto ou certificado bancario que acredite o pago da renda nas mensualidades anteriores.

Aínda non tes contrato de aluguer?

Por último, se a persoa solicitante aínda non asinou ningún contrato pero está en condicións de subscribilo, tamén poderá pedir o bono alugueiro e optar á súa concesión nas mesmas condicións.

Para iso, deberá achegar, xunto coa súa solicitude electrónica, un compromiso asinado por arrendador e arrendatario da formalización dun contrato de alugueiro ou cesión de uso no que se faga constar o importe da renda ou do prezo da cesión; o concello no que se localiza a vivenda; a referencia catastral; as persoas arrendatarias que subscribirán o futuro contrato e a data a partir da que terá efectos económicos.