Bombeiros acusan o Goberno de Vigo de mentir sobre o operativo do día do tráxico incendio: "Que é o que queren tapar?"

Rolda de prensa do comité de persoal do Concello de Vigo, esta sexta feira. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Desde o Concello afirmaron que "en ningún momento" quedaron desatendidos os parques de Bombeiros, malia que o propio persoal reitera que só estaban operativos 17 efectivos —a ordenanza municipal fixa un mínimo de 20—, e afirma que no momento de acudir á rúa Alfonso X O Sabio "quedou só un telefonista" no parque.

Persoal do corpo de Bombeiros de Vigo informou a Nós Diario esta cuarta feira de que durante esa madrugada, cando se produciu o tráxico incendio no portal número 6 da céntrica rúa Alfonso X O Sabio que se cobrou a vida dunha nai e tres das súas crianzas, só había 17 efectivos operativos malia que a ordenanza municipal estabelece un mínimo de 20 para garantir que os parques de Bombeiros non quede desatendido. O Goberno de Abel Caballero apresurouse a responder estas acusacións asegurando, a través dun comunicado, que non se desprazaran ao incendio todos os dispoñíbeis e que "en ningún momento os parques quedaron desatendidos", mais agora o propio persoal volve insistir nas súas denuncias e afirma que só había 17 efectivos e que, ao acudiren á emerxencia, "quedou só un telefonista" no parque.

Nunha rolda de prensa convocada esta sexta feira polo comité de persoal do Concello, os bombeiros cuestionaron as palabras da concelleira responsábel de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, que defendera ante os medios que non fora preciso mobilizar o equipo ao completo e acúsana de "dicir mentiras" á prensa. "Con que finalidade? Por que? Que é o que queren tapar?", censuraron.

Os Bombeiros vigueses insisten en que esa noite só había 17 intergrantes do corpo, tres menos que o mínimo de 20 fixado polo propio Goberno local e que, advertiron, "só se cumpriu un día" en todo o que vai de ano. Nalgunhas xornadas apuntan que chegou a haber só 12 ou 15 dispoñíbeis para atender as emerxencias. O Executivo contabilizou 19, se ben o persoal matiza que eses dous engadidos "estaban na casa" e decidiron acudir ao incendio após coñecelo.

A seguridade na cidade "non estaba garantida" no momento da traxedia de Alfonso X O Sabio, censurou o presidente do comité, Pergentino Martínez, de UXT, pois se nese intre houbese unha nova incidencia "non habería efectivos dispoñíbeis" para atendela. Os Bombeiros demandan a creación dunha mesa de diálogo para buscar "solucións eficaces e efectivas" á situación que atravesa o corpo e que veñen denunciando desde hai anos.

Na actualidade, explicaron, Vigo dispón duns 115 profesionais de extinción de incendios, lonxe dos "cando menos 180" que necesitaría a urbe, se ben sitúan este número nunha cifra moito máis elevada, cun bombeiro cada mil habitantes, que é o que estabelecen os estándares internacionais. Urxen a convocatoria de oposicións para cubrir as vacantes nun concurso que "leva anos nun caixón sen que se coñezan os motivos".

A familia das vítimas exixe xustiza

Amizades e familiares das vítimas mortais do incendio, no cemiterio de Feáns. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Centos de persoas asistiron esta sexta feira ao enterro das catro vítimas mortais no cemiterio coruñés de Feáns. O silencio que imperou durante boa parte da cerimonia viuse interrompido polos lamentos e berros dalgunhas das persoas alí presentes, apuntando a unha hipotética intencionalidade que, polo de agora, non é a tese central que baralla a Policía: "Asasinos!", escoitouse no cemiterio, entre proclamas tamén de "queremos xustiza". "Se alguén o fixo, que o pague", dixo Sinaí Giménez, curmán da falecida.

Fontes próximas á investigación trasladaron á axencia Europa Press que o informe da Policía Científica tardará "uns días" en chegar e que, con todo, non se descarta aínda ningunha hipótese: "O grupo de investigación continúa realizando xestións para o esclarecemento dos feitos e tomando declaracións", sinalaron.