A Xunta asume a tutela da nena que sobreviviu ao incendio de Vigo por estar en "situación de desamparo"

Aspecto no que quedou o portal número 6 da rúa Alfonso X O Sabio após o tráxico incendio. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A nai e os tres irmáns faleceron e o pai continúa moi grave na UCI de Povisa.

A Xunta asumiu a tutela da nena de oito anos que sobreviviu ao incendio rexistrado a pasada cuarta feira nun incendio en Vigo, por atoparse nunha "situación de total desamparo". A menor segue hospitalizada en estado grave na UCI do Hospital Marterno-Infantil Teresa Herrera da Coruña e os seus tres irmáns e mais a nai faleceron no momento. O pai, que tamén sobreviviu, segue "moi grave" na UCI de Povisa, en Vigo.

O presidente galego, Alfonso Rueda, confirmou hoxe esta decisión e defendeu tamén que a Administración galega cumpre coas súas competencias ao facerse cargo da pequena, á vez que, preguntado sobre a atención recibida pola familia, fixo un chamamento a que cada institución asuma as atribucións "que lle corresponden". Así, lembrou que a atención a persoas en situación de vulnerabilidade social, como era o caso, corresponde aos municipios.

Estas palabras prodúcense despois de que, nun comunicado emitido na tarde da cuarta feira, o Concello de Vigo recoñecese que os seus Servizos Sociais daban atención "permanente" a esta familia "en todo aquilo que é de competencia municipal". A continuación, o Goberno local apuntaba que os catro menores estaban nun centro de día de Aldeas Infantís "por decisión autonómica".

Neste contexto, Rueda fixo un chamamento a "abandonar a liorta política". "Empezar a expor isto, nalgúns sitios, nestes termos, creo que non é o que hai que facer, e quen queira expolo así está a equivocarse", dixo. "Quen busque liorta política por non explicar outras cousas que probablemente non lle interese explicar creo que se está equivocando gravemente. A Xunta asume a tutela desta nena e por suposto estará á altura", agregou o presidente.

Rueda insistiu nesa liña e pediu que "primeiro se esclarezan as causas" deste incendio —a Policía Nacional aínda ten todas as hipóteses abertas— para que "non volva pasar". "Para converter isto nunha liorta política, desde logo coa Xunta e comigo que non conten", resolveu.