O BOE recolle seis novas solicitudes de parques eólicos

Parque eólico en Carnota. (Foto: Nós Diario).
Green Capital Development aumenta a súa aposta na Galiza e tramita máis de 400 novos megawatts a través do Estado.

A Delegación do Goberno na Galiza someteu nesta quinta feira a información pública, a través da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) seis novos parques eólicos que a enerxética Green Capital Development —filial de Capital Energy—, propiedade do magnate madrileño Jesús Martín Buezas, prevé construír na Galiza. Sumarían, en total, 69 aeroxeradores —cuxas aspas alcanzarían en altura entre 145 e 170 metros— e unha potencia de 401 megawatts (MW).

Os tres primeiros, malia se tramitaren de forma individual, preséntanse no BOE de forma conxunta e compartirían parte das infraestruturas de evacuación e verterían a enerxía á rede eléctrica a través da subestación do Mesón do Vento.

Os parques denomínanse Monte de Portochán —once turbinas e 66 MW—, As Castiñeiras —nove muíños e 54 MW— e Monte Silvariño —once e 66 MW—, e situaríanse nos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra.

Por outra banda, o parque eólico Sete Fontes constaría de nove aeroxeradores e unha potencia de 54 MW, nos termos municipais de Negreira e Outes.

Aliás, o proxecto Ruliña, segundo a documentación achegada pola empresa, tería trece muíños e un total de 65 MW instalados, e afectaría Abadín, Barreiros, Cospeito, Lourenzá, Mondoñedo, A Pastoriza e Trabada.

Por último, o parque Fonte Barreiros comporíase de 16 turbinas e unha potencia de 96 MW, en Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo e Xove.

Capital Energy está a tramitar actualmente unha vintena de parques eólicos na Galiza.

Contra estes seis últimos proxectos eólicos pódense presentar alegacións até o vindeiro 26 de novembro.