IGUALDADE

O BNG ve “inasumíbel” a falta de xuíza substituta para a violencia machista na Coruña

[Imaxe: BNG_comarcaAC] Concentración do BNG diante dos xulgados da Coruña

“O machismo non colle vacacións”. Así de contundente se amosa a deputada do BNG Noa Presas, que na mañá da cuarta feira participou nunha concentración convocada pola forza nacionalista ao pé dos xulgados da Coruña para reclamar unha ou un xuíz substituto especialista en violencia machista.

O BNG convocou un acto simbólico na mañá desta cuarta feira, 16 de agosto, para denunciar a falta dunha xuíza ou dun xuíz que substitúa o titular do xulgado de Violencia contra a Muller.

En declaracións a Sermos Galiza, a parlamentar Noa Presas, presente na concentración, puxo de manifesto que “o feito de que o xulgado específico fique sen xuíza ou xuíz demostra que non lles interesa aos poderes públicos nin da administración xeral do Estado nin da Xunta de Galiza, pois non fixeron o mínimo por evitar a situación”. E é que a formación nacionalista xa advertira en xuño que a xustiza non tiña previsto substituír o xuíz especialista cando este disfrutase das súas vacacións.

 

A deputada do Bloque considera “inasumíbel” a situación, e ve “unha escusa de mal pagador” a xustificación que ofreceu o Ministerio de Xustiza, que asegurou que non hai orzamento, “para comezar, non falamos dun feito imprevisto, senón dunha substitución ordinaria que corresponde cos dereitos dun traballador a disfrutar das súas vacacións”. Indica Noa Presas que o Estado español “non ten nin o máis mínimo reparo en facer modificacións dos orzamentos de 2017 para outras cuestións”.

 

Por outra banda, a portavoz do BNG en materia de igualdade no Parlamento de Galiza considera que a falta de substituta ou substituto “é unha moi mala imaxe para as persoas que están dispostas a denunciar calquera acto machista, porque o machismo non colle vacacións”. Lembra, ao respeito, o número de asasinadas en 2016, que ascendeu a 37 no conxunto do Estado, “e este ano xa imos por 17”.

 

Noa Presas tamén insiste na falta de medios para loitar contra a violencia machista desde o ámbito xudicial, “algo moi criticado polo BNG e polos colectivos feministas, tanto a respeito das deficiencias, como da lentitude ou falta de instalacións”. De feito, a formación frontista ten solicitado, en máis dunha ocasión, incrementar o número de xulgados específicos para atender casos de violencia machista no país, pois tan só existen o da Coruña e mais o de Vigo.

 

Neste contexto, a deputada do Bloque urxe “a que isto teña unha solución e a que se adopte o compromiso de facer unha diagnose sobre a situación en que se atopa a xustiza, que é pagada por todas e todos nós e ofrece un servizo que está centralizado en Madrid”.