Xustiza non substitúe o xuíz

O Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña, de vacacións

[Imaxe: Turismo.gal] Interior dos Xulgados da Coruña

A decisión do Ministerio de Xustiza de non substituír o xuíz titular de Violencia sobre a Muller do Xulgado da Coruña provocou nos últimos días a suspensión de até oito xuízos.

O Ministerio de Xustiza decidiu non substituír o xuíz titular de Violencia sobre a Muller nas súas vacacións por falta de orzamento. Un feito que xa provocou a suspensión de até oito xuízos civís nos primeiros días de agosto.

 

A solución que ofrece o Ministerio de Xustiza pasa por que a xuíza ou xuíz de garda –carente de formación específica en materia de violencia machista- se encargue de compatibilizar as súas tarefas habituais coas do xulgado específico de Violencia sobre a Muller.

 

Aumentan as denuncias

 

Segundo os últimos dados do Consello Xeral do Poder Xudicial, no primeiro trimestre de 2017 presentáronse un total de 1.574 denuncian no país, un 13% máis que no ano anterior, cando se presentaran, nos tres primeiros meses de 2016, 1.355 denuncias.

 

Por outra banda, na primeira metade do ano, os xulgados galegos comunicaron un total de 832 medidas de protección, fronte ás 420 ditadas nos seis primeiros meses de 2016.

 

Máis recursos

 

Tanto os colectivos feministas como o persoal dos xulgados específicos que atenden casos de violencia machista esixen máis medios. En primeiro lugar, máis xulgados específicos, pois tan só dispoñen deles Vigo e mais A Coruña.

 

A propia xuíza titular do Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo, Paz Filgueira, ten denunciado, en declaracións a Sermos Galiza, que polo seu despacho pasan cada ano máis de 1.200 casos. Tamén ten advertido do escaso número de gardas custodios por cada muller –entre 40 e 70– e a falta de formación específica de todos os elos da cadea que interveñen no procedemento xudicial.