O BNG convocou un acto simbólico na mañá desta cuarta feira, 16 de agosto, para denunciar a falta dunha xuíza ou dun xuíz que substitúa o titular do xulgado de Violencia contra a Muller.
En declaracións a Sermos Galiza, a parlamentar Noa Presas, presente na concentración, puxo de manifesto que “o feito de que o xulgado específico fique sen xuíza ou xuíz demostra que non lles interesa aos poderes públicos nin da administración xeral do Estado nin da Xunta de Galiza, pois non fixeron o mínimo por evitar a situación”. E é que a formación nacionalista xa advertira en xuño que a xustiza non tiña previsto substituír o xuíz especialista cando este disfrutase das súas vacacións.
A deputada do Bloque considera “inasumíbel” a situación, e ve “unha escusa de mal pagador” a xustificación que ofreceu o Ministerio de Xustiza, que asegurou que non hai orzamento, “para comezar, non falamos dun feito imprevisto, senón dunha substitución ordinaria que corresponde cos dereitos dun traballador a disfrutar das súas vacacións”. Indica Noa Presas que o Estado español “non ten nin o máis mínimo reparo en facer modificacións dos orzamentos de 2017 para outras cuestións”.
Por outra banda, a portavoz do BNG en materia de igualdade no Parlamento de Galiza considera que a falta de substituta ou substituto “é unha moi mala imaxe para as persoas que están dispostas a denunciar calquera acto machista, porque o machismo non colle vacacións”. Lembra, ao respeito, o número de asasinadas en 2016, que ascendeu a 37 no conxunto do Estado, “e este ano xa imos por 17”.
Noa Presas tamén insiste na falta de medios para loitar contra a violencia machista desde o ámbito xudicial, “algo moi criticado polo BNG e polos colectivos feministas, tanto a respeito das deficiencias, como da lentitude ou falta de instalacións”. De feito, a formación frontista ten solicitado, en máis dunha ocasión, incrementar o número de xulgados específicos para atender casos de violencia machista no país, pois tan só existen o da Coruña e mais o de Vigo.
Neste contexto, a deputada do Bloque urxe “a que isto teña unha solución e a que se adopte o compromiso de facer unha diagnose sobre a situación en que se atopa a xustiza, que é pagada por todas e todos nós e ofrece un servizo que está centralizado en Madrid”.