O BNG "pon en valor" os proxectos de explotación gandeira en extensivo desenvoltos na Galiza

O deputado do BNG, Néstor Rego, visita unha explotación extensiva de cabras e ovellas en Samos (Foto: Nós Diario).
Néstor Rego visita unha explotación de cabras e ovellas de raza galega na cal se pon en práctica unha produción sustentábel que "cumpre un papel importante na conservación dos montes e a prevención contra os lumes".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou unha explotación en extensivo do gandeiro Alberto Santín no concello de Samos e reivindica o papel deste tipo de proxectos que permiten o "desenvolvemento do rural e loitar contra o despoboamento". Rego lembra as iniciativas rexistradas polo BNG para reclamar novos criterios para o reparto das axudas da PAC entre as que se inclúe a referida á superficie admisíbel dos pastos arbustivos e a súa introdución nos ecoesquemas.

Rego destacou a "calidade" do proxecto desenvolto durante os últimos 14 anos da explotación en extensivo e puxo en valor a recuperación da cabra e ovella de raza Galega. “Unha explotación con máis de 200 ovellas de raza galega e máis de 130 cabras de raza autóctona” enfatiza o deputado do BNG.

Razas que desempeñan un papel de gran valor na conservación dos ecosistemas e que contribúen á limpeza e conservación dos montes, así como “evitar a aparición e propagación dos lumes”.

Por outra banda, o deputado nacionalista lembrou as iniciativas rexistradas no Congreso para que a superficie dos pastos arbustivos e de baixo arborado sexa admisíbel e recoñecida no desenvolvemento da nova PAC. “Con esta inclusión garantiríase que os gandeiros e gandeiras da Galiza non saísen prexudicadas a través do recoñecemento das singularidades do País” subliña Rego.

A importancia do pastoreo

Para o deputado nacionalista, é preciso tamén incorporar “a identificación de prácticas locais estabelecidas en base á importancia que ten o pastoreo para a conservación dos valores protexidos polas directivas de hábitat e aves da Unión Europea”. 

Alén do máis, engade a necesidade de incluír as especifidades dos territorios propios da Galiza no deseño dos ecoesquemas da PAC.

“O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ten que ter en conta as distintas necesidades de cada territorio para lograr unha mellor adaptación da nova regulación” afirma o deputado do BNG.