A lei para crear a universidade privada na Galiza chega ao Parlamento

Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago (USC).

O BNG exixe a retirada do proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, que está impulsada por Abanca, e que pretender ser a primeira universidade privada na Galiza. O deputado Manuel Lourenzo advirte que o PP pon a universidade galega ao servizo dos “grandes fondos voitre” con este proxecto lexislativo

Ante o inminente rexistro no Parlamento do proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira universidade privada na Galiza e que está impulsada por Afundación (Abanca), o BNG vén de anunciar que demandará a retirada dese proxecto de lei e que avogará no hemiciclo por reforzar o investimento no sistema público de educación superior.

O deputado do Bloque Manuel Lourenzo tachou de "absolutamente innecesario" este proxecto de lei nun país que conta con tres universidades públicas e alertou de que porá a institución educativa superior "ao servizo dos grandes fondos internacionais". Nesa mesma liña tamén se teñen posicionado os reitores das tres universidades galegas, que rexeitan a implatación dunha universidade privada e afirman que esta nin mellora nin complementa a pública e, en cambio, chaman a fortalecer o sistema público.

 

Nese sentido, remarcou a importancia de evitar que os "principios básicos da educación", entre os que destacou a "igualdade", o "mérito" e a "capacidade", poidan ser substituídos polos "intereses económicos de grandes fondos voitre", que "atopan no desmantelamento do sistema universitario galego un novo nicho de mercado".

O parlamentar reclamou o compromiso da Xunta da Galiza coa educación superior pública e apostou por un reforzo do investimento na mesma para alcanzar taxas "similares ás dos países europeos con universidades de referencia".

"Fronte á privatización, o noso modelo pasa por consolidar unha universidade pública que poña todo o potencial investigador e toda a capacidade da nosa docencia e do noso alumnado no lugar que lle corresponde: na vangarda universitaria de Europa", subliñou. Por iso, Lourenzo avanzou que o BNG trasladará ao Parlamento galego a súa "defensa dunha universidade pública galega e de calidade".

Foi no pasado mes de marzo cando o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello da Xunta, informou da remisión ao Parlamento do proxecto de lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa por parte da Xunta despois de que fose autorizada polo Goberno estatal.