O BNG mobiliza edís de 20 concellos nunha concentración contra a mina de Touro

Imaxe da concentración [Foto: @obloque]

No acto simbólico de protesta participou o deputado no Pazo do Hórreo Xosé Luís Rivas 'Mini'. Coa concentración o BNG quer patentizar que os efeitos negativos da mina atinxirían non só os concellos de Touro e O Pino, senón tamén os municipios limítrofes e aqueles polos que discorre o Río Ulla, directamente afectado polos metais pesados que se filtrarían desde a explotación.

Concelleiras e concelleiros do BNG de até 20 municipios concentráronse este sábado perante a mina en Touro. Estiveron presentes edís de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzúa, A Pobra de Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove.

 

Xosé Luís Rivas Mini -informa o BNG por meio dun comunicado de imprensa- instou a Xunta a escoitar o "clamor social" que se ten levantado contra un proxecto de megaminería contaminante que non dubidou en cualificar de "colonial e espoliador". O parlamentar alertou de que a súa plena posta en marcha había supor o desaparecimento de miles de hectáreas de terras agrarias produtivas e que até impactaria na conca do Río Ulla, con secuelas negativas para os bancos marisqueiros da Ría de Arousa.

 

"Estamos a falar dun novo Corcoesto e non se pode permitir", recapitulou o parlamentar nacionalista.

 

"Paramos Corcoesto e seremos capaces de parar este proxecto en Touro-O Pino", afirma Xosé Luís Rivas 'Mini'

 

O proxecto de reapertura da mina -indica o BNG- implica a ampliación de 2.000 hectáreas e 120.000 quilómetros cadrados. Unha vez posta en andamento, rexistaría por "volta de 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alta tonelaxe, ben como unha balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreno e con perigo directo para as vivendas".

 

A mina estivo operativa entre 1973 e 1986 e o BNG enfatiza que aínda son "visíbeis" os efeitos desa explotación, "como se aprecia nas augas dos regatos que verten no Ulla, que continúan a rexistar unha altísima contaminación de metais pesados".

 

Rivas -que anunciou que o BNG se suma á campaña de recollida de sinaturas encetada pola Plataforma Mina de Touro-O Pino Non- mostrouse certo de que a mobiilización popular será quen de "parar este proxecto", do mesmo xeito que se conseguiu frear o de Corcoesto.