Unanimidade dos plenos de Rianxo, A Illa e Cambados contra o proxecto mineiro de Touro-O Pino

Imaxe do Pleno de Rianxo

Os plenos aprobaron, co apoio de todos os grupos,  as mocións que solicitaban pedir á Xunta que desestime a autorización ao proxecto megamineiro.

Tres concellos da Ría de Arousa véñense de sumar á petición para que se paralice o proxecto megamineiro para Touro-O Pino. Os plenos destes tres municipios aprobaron por unanimidade a moción presentada pola Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) e na que se alertaba do impacto económico, social e produtivo que podía ter esta explotación na propia Ría. Outro concello máis, Ames, este da contorna de Compostela, tamén certificou esta quinta feira o seu rexeitamento ao proxecto.

 

Nos plenos de Cambados, A Illa e Rianxo foron representantes do sector do mar quen defenderon a moción: o patrón maior en cada un destes portos. Explicaron que esa explotación implica unha serie de refugallos e desperdicios que pode acabar –vía río- na Ría de Arousa. Mais non só iso, a propia actividade é un risco para os sectores produtivos e o medioambiente desta zona da costa de Galiza.

 

“A execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa. Por tanto as administracións deberían aplicar o “principio de precaución” para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría”. Este argumento contou co apio dos diferentes grupos municipais existentes nestes concellos, tamén do Partido Popular.