O proxecto megamineiro de Touro continúa a sumar rexeitamentos: Deputación e Concello de Compostela

A intención de reabrir as minas de cobre de Touro continúa a acumular a oposición de colectivos, entidades e institucións. As últimas delas, polo de agora, a Deputación da Coruña e o Concello de Compostela, en decisións ambas as dúas a iniciativas presentadas desde o BNG.

Na entidade provincial, os votos de nacionalistas, Marea Atlántica, Compostela Aberta e da Asamblea Veciñal, e coas abstencións dos grupos socialista e popular, permitiron aprobar a proposta que se opuña á reapertura da mina de Touro atendendo á forte resposta veciñal e ás advertencias de distintos informes sobre os impactos da minaría nesa zona. Goretti Sanmartín aludiu aos efectos sobre o medio natural e "o perigo potencial que representa para a veciñanza" para subliñar que "esta explotación mineira pode ter nefastas consecuencias sociais, económicas e medioambientais dende o Ulla ata a Ría de Arousa".

 

De por parte, o Concello de Santiago instará á Xunta a denegar a reapertura da mina de cobre dos municipios de Touro e O Pino. Así se acordou no Pleno cos votos  de Compostela Aberta, PSOE e BNG e coa abstención do PP.

 

No Pleno interveu Rubén Souto, representante da Plataforma Veciñal "Mina Touro-O Pino Non", para lembrar cales serían as posibles afectacións da mina, "que estaría situada a menos dun quilómetro de equipamentos sensibles como unha gardería".