A explotación de cuarzo fora considerada prexudicial polo Goberno

BNG e En Marea cuestionan o cambio de criterio da Xunta a respecto de Erimsa

Proceso de cribado das terras de Erimsa [Imaxe:Erimsa]
A rede de plataformas medioambientais Salvemos Ordes denuncia que se aprobase o proxecto de explotación de cuarzo de Erimsa nos concellos de Frades e Mesía, cando a propia Dirección Xeral de Agricultura sinalara os "impactos negativos" sobre a economía local. A área afectada abrangue ao redor 200 explotacións e dá traballo a case 500 persoas.

O 11 de maio de 2017 a Dirección Xeral de Agricultura, Gandería e Industrias Agroalimentarias emitiu un informe desfavorábel ao proxecto da norueguesa Erimsa de explotar cuarzo nos municipios de Frades e Mesía. O organismo da Xunta de Galiza argumentou entón que “o proxecto causará graves efectos negativos sobre a produción agro-gandeira” na área do país co maior número de explotacións gandeiras.

Moncho Barreiro, avogado do Sindicato Labrego e integrante da plataforma Salvemos Ordes, sinala o “chocante” que foi o cambio de criterio da propia Dirección Xeral, que permitiu dar luz verde á explotación no mes de agosto e para un período de trinta anos. Esta mudanza no seu ditame motiva as cuestións que presentarán na Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Monte tanto o BNG como en Marea na sexta feira 4 de outubro.

O primeiro documento “detallaba os investimentos que viñera facendo a Consellaría en procesos de concentración parcelaria, de incorporación de xente moza á gandaría e á agricultura e outros plans de mellora”, sinala Barreiro. Concretamente, 20 millóns de euros nas parcelas do concello de Mesía afectadas pola mina e 608.000 euros en axudas ás industrias agroalimentarias e á comercialización, segundo os datos recompilados por En Marea. Pola súa banda o BNG destaca a presenza de case 200 granxas na área que dan ocupación directa a arredor de 500 persoas.

 “O certo é que despois do primeiro informe a empresa fixo cambios no proxecto, logo do cal emitiuse un segundo informe positivo da Dirección Xeral. Nós, mesmo como parte interesada, non tivemos acceso a ese segundo informe, polo que descoñecemos moita información. Solicitámola o 4 de setembro, estabamos dentro do prazo para presentar recursos, mais tivémolo que facer sen ter acceso ao expediente, a pesar de que debe ser de acceso público”, denuncia Barreiro.  

Na resolución final sinálase que a concesión da explotación supedítase a que a empresa renuncie á expropiación das leiras, excluíndo extraer mineral das parcelas de agricultura en ecolóxico. Con todo, Barreiro denuncia que a empresa non informa ben as persoas propietarias. “Non falan dos prexuízos á terra, da fórmula que empregan para explotala”, conclúe.