O BNG exixe a retirada da 'Cruz dos Caídos' de Neda

Concentración convocada polo BNG en Neda (Ferrolterra) para esixir a retirada da 'Cruz dos Caídos'. (Foto: Nós Diario)

O BNG denuncia a falta de compromiso político do goberno municipal do PSOE, que rexeita a eliminación do monumento franquista e a substitución do nome da rúa que homenaxea un alcalde franquista.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) realizou este sábado un acto no Concello de Neda (comarca de Ferrolterra) para reclamar a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira, coñecido como a ‘Cruz dos Caídos’, por respecto ás vítimas do franquismo e en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Os nacionalistas denunciaron a “pasividade e a falta de vontade política e compromiso” do goberno municipal do PSdeG por cumprir a lei e urxiron a “avanzar de maneira decidida neste ámbito igual que o resto de concellos da comarca de Ferrol”. Alén do máis, exixiron a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces.

A 'Cruz dos Caídos' é un monumento franquista de exaltación das persoas do bando gañador da Guerra Civil. Debería ter sido retirada moito antes, en todo o caso, coa aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007 e, con moitos máis argumentos, após a aprobación da Lei de Memoria Democrática en outubro de 2022” defendeu este sábado o escritor e profesor, Marcos Abalde. Para o docente, a non retirada deste símbolo franquista trátase dun “incumprimento da lei e unha humillación para as vítimas do franquismo, así como un desprezo da súa dignidade que non podemos consentir”.

Así mesmo, a portavoz municipal do BNG no Concello de Neda, Cristina Bouza, denunciou no acto a hipocrisía do goberno socialista de Neda por se negar a retirar a ‘Cruz dos Caídos’. “Presentamos no seu día unha moción no pleno do Concello para a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira e a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces, mais PSdeG e PP puxéronse de acordo para votar en contra”, lembrou Bouza. Neste sentido, a voceira municipal afirmou non entender a postura do goberno municipal socialista de Neda nesta cuestión.

“Reclamamos, máis unha vez, que a corporación cumpra coa lei tal e como a están a cumprir outros concellos da nosa comarca. Ferrol ou Fene, como os exemplos máis ilustrativos, xa eliminaron as cruces localizadas na praza de Amboaxe e ao pé da igrexa de Maniños”, sinalou Cristina Bouza.

Incumprimento da Lei de Memoria Democrática

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou na mañá deste sábado que a Lei de Memoria Democrática estabelece o “deber de memoria” por parte dos poderes públicos. “As administracións públicas teñen a obriga de retirar os elementos contrarios á Memoria Democrática e á dignidade das vítimas do franquismo. Na comarca de Ferrol, a pesar de que existen avances ilustrativos neste sentido, a ‘Cruz dos Caídos’ de Neda representa a falta de vontade política e a ausencia de compromiso cos valores democráticos do goberno municipal”, denunciou Néstor Rego.

Por outra parte, na súa intervención Rego lamentou que o resultado final da Lei de Memoria Democrática aprobada no Congreso non incorporase a derrogación dos artigos 2 e) e f) da Lei de Amnistía, a restitución dos bens espoliados ou a propia declaración do Pazo de Meirás como “lugar de memoria”.