Só desde a "máis absoluta das impunidades", avalía David Pena, responsábel local do BNG da Coruña, "podemos entender que o Ministerio de Interior gardase un cómplice silencio cando o BNG perguntou sobre o caso no Congreso dos Deputados o 20 de xullo e 2015".
Denuncia Pena que desde o Ministerio de Interior non se abrise "unha investigación ante a participación, na emboscada na que morreu Jimmy, de elementos das forzas armadas españolas".
A meio dun comunicado, o BNG expresa o seu "ánimo e apoio" á familia do seareiro deportivista asasinado e comprométese a "seguir loitando por que se esclareza a verdade".
O BNG denuncia que Interior non abriu unha investigación sobre a participación "na emboscada" na que morreu Jimmy de "elementos das forzas armadas españolas"
A única persoa imputada por homicidio neste caso é un menor que acaba de ser absolvido pola Audiencia Provincial de Madrid. O tribunal non dá credibilidade á proba de cargo que había contra el -o testemuño doutro menor- e absolve o acusado de homicidio, delito polo que fora condenado en primeira instancia a seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada.
A sentenza, porén, si mantén a condena que lle fora imposta por tenza ilícita de armas e participación na lea tumultuaria -en realidade, unha emboscada de elementos ultradereitistas do Frente Atlético aos riazor blues- que o 30 de novembro e 2014 acabou coa vida de Francisco Javier Romero, máis coñecido como Jimmy.
Por estes delitos A.G.G. terá de cumprir 60 horas de prestación de servizos á comunidade.