O BNG critica o feche do xuízo do Alvia sen unha investigación en ADIF

Ana Pontón e Ana Miranda ante a Comisión Europa (Foto: Nós Diario)
A voceira do partido na Comisión Europea, Ana Miranda, recorda que Europa reclamou que se fixera unha "investigación independente" sobre as circunstancias nas que tivo lugar o tráxico accidente.

A voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, destaca que "non é unha boa nova" saber do feche do xuízo polo accidente do Alvia, pois considera que aínda hai moito que investigar. Mentres o xulgado de instrución número 3 de Compostela mantén como acusados ao antigo director de Seguridade do tráfico de ADIF e ao maquinista do tren, o partido nacionalista demanda unha investigación máis profunda.

Tamén o fixo así a Unión Europea, que reclamou que se fagan as pesquisas de maneira "independente". "Vemos que a única vía que ten interese por chegar até o final é Europa", comenta a nacionalista.

Na opinión da formación política, non hai razóns para que haxa máis atrasos "no cumprimento dos requirimentos do procedemento de infracción". Por iso, veñen de remitir unha pregunta á Comisión Europea para saber cando foron os últimos contactos coas autoridades españolas por este asunto.

“Ano e medio despois da apertura dese procedemento queremos saber que pasos deu o Estado español para cumprir a normativa comunitaria e como vai proceder a Comisión Europea”, xustifican.

Responsábeis políticos

“Desde o BNG seguimos pensando que hai responsabilidades políticas no accidente que van máis alá da responsabilidade do maquinista e o antigo director de Seguridade". dixo Miranda. 

De feito, opinan que o feche "non é atinado cando Adif aínda non realizou a investigación independente que reclama a Comisión Europea no procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019”.

Se o fin do xuízo polo sucedido en Angrois (Compostela) é visto como un "despropósito", tamén o é o feito de que Renfe aprobara que o tren sinistrado fose despezado.