BNG e Compostela Aberta tachan o modelo turístico compostelán de "insostíbel"

A praza do Obradoiro en Santiago de Compostela ateigada de peregrinos esta cuarta feira (Foto: César Arxina / Europa Press).
Até 12.000 peregrinos se congregaron en Santiago de Compostela

Tanto BNG como Compostela Aberta fixeron público esta quinta feira a súa preocupación e malestar por un modelo de turismo que consideran "invasivo, insostíbel e depredador", respecto á polémica xerada pola grande afluencia de peregrinos a Compostela e como a súa chegada impacta negativamente a vida da veciñanza da cidade.

O máximo expoñente desta situación, apuntan ambas as formacións, é a chegada da Peregrinación Europea de mozas e mozos (PEJ 2022, polas súas siglas en español), que reúne na capital galega até 12.000 peregrinos durante toda unha semana e que se inauguraba esta mesma cuarta feira nunha praza do Obradoiro co acceso restrinxido ao resto de visitantes.

Sobre isto, desde o BNG aseguran entender o "cansazo" que existe por parte da veciñanza compostelá, xa que o mencionado encontro "non é o único". "Chegan numerosos grupos de peregrinos día tras día e cada vez é máis frecuente encontrarse con actitudes incívicas e pouco respectuosas coa comunidade, os seus espazos e a súa forma de vivir", aseguran. Nesta liña, censuran a actitude do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que "só ten atencións para os visitantes e non defende a aquelas persoas que residen en Santiago".

Desde esta perspectiva, entende a formación nacionalista que o Goberno municipal debería garantir os dereitos dos veciños: "O que atopamos é que, máis unha vez, a sociedade civil vai por diante do Goberno local. Mentres o alcalde fai declaracións inauditas con chamamentos a que 'nos portemos ben', varias asociacións veciñais elaboran un decálogo de boas prácticas para o tramo final do camiño; un exemplo perfecto do que debería facer a Corporación", sinalan.

O problema do modelo

"O problema non é o turismo. Todos somos turistas dun ou outro modo, mais este é un sector que debe ser ordenado e dimensionado correctamente. O problema é este modelo de turismo invasivo e insostíbel", aseveran desde o BNG.

Pola súa parte, desde Compostela Aberta instan a Bugallo a "reaccionar" perante unha situación na cal "a cidade, o patrimonio e a convivencia están en risco por un modelo turístico depredador".

"É case insultante que Bugallo poña o foco só nos composteláns e sexa tan morno á hora de criticar as actitudes de peregrinos e turistas, como é moi criticábel que se estea permitindo unha auténtica invasión do espazo público de todas e todos", manifestan. Alén do máis, Compostela Aberta rexistrou unha serie de preguntas para que o Goberno explique cal foi o seu papel e que medidas están a se adoptar para garantir a seguridade e a convivencia durante a Peregrinación Europea de mozas e mozos.

"Críticas ideolóxicas"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, restou onte importancia ao malestar veciñal en Compostela ante a chegada masiva de peregrinos e turistas. Preguntado ao respecto, Rueda considera que esa afluencia de millares de mozos e mozas coa pastoral cristiá "non prexudica ninguén, máis ben todo o contrario".

Para o titular do Executivo galego, as críticas destes días ante as escenas de grupos numerosos de peregrinos percorrendo as rúas da cidade entre cánticos e simboloxía relixiosa débense a "posicionamentos que son puramente ideolóxicos".