BNG anuncia negociacións co PSOE para pactar unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois

Ana Pontón, após a xunta de portavoces

A situación ten mudado cualitativamente após o xuíz imputar o ex xefe de seguranza de ADIF. Iso leva a que o BNG plantexe unha negociación co grupo parlamentar do PSOE para pactar a constitución dunha comisión de investigación sobre o sinistro no Pazo do Hórreo.

Pontón anunciou esta terza feira que vai manter contactos co PSOE co obxectivo de sumar o grupo parlamentar socialista á iniciativa de constitución na cámara galega dunha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois, saldado coa morte de 80 persoas e con máis dun cento de feridas e feridos.

A posición do PSOE até o de agora ten sido o non apoio ás demandas de abrir pesquisas en sede parlamentar sobre a maior catástrofe terrestre sufrida na historia da Galiza, o cal do ponto de vista político non surprende, dadas as responsabilidades na materia do ex ministro de Fomento e ex vicesecretario xeral do partido, José Blanco (con el no gabinete de Zapatero o ADIF tomou a decisión de deixar o tramo de A Grandeira sen o sistema de freado ERTMS).

Con todo, o BNG pensa que a imputación do ex xefe de seguranza do ADIF torna aínda máis premente a necesidade de constituír a comisión de investigación e por iso Pontón anuncia contactos co PSOE. Sen o concurso dos tres grupos da oposición (En Marea, PSdeG, BNG) non hai escanos suficientes para forzar a criación deste órgao. O regulamento permite que a oposición lle impoña o goberno a investigación, embora teña menos escanos, sempre e cando o escrito de constitución veña avalado polos tres grupos parlamentares.

Para Ana Pontón, o xiro xudicial producido na instrución da causa confirma que os riscos para a seguranza das persoas se viron acrecentados por neglixencias na xestión directamente imputábeis ao ADIF e non ao maquinista, até agora o único investigado polo xuíz. Disto infírese a existencia de responsabilidades políticas que se deberían substanciar na cámara galega.

"PP e PSOE deben pedir perdón ás vítimas e aos familiares polo sufrimento extra destes tres anos e deben levantar o veto á criación de comisións de investigación no Parlamento galego e no Congreso", avaliou Pontón na súa comparecencia perante a imprensa após a xunta de portavoces decorrida esta terza feira no Pazo do Hórreo.

"Non se analizou o risco no tren que inaugurou José Blanco e Núñez Feijóo nun acto de autobombo no que escoitamos dicer que a inauguración do AVE era a guinda do pastel dunha realidade incontestábel", dixo a líder do BNG, en tanto que Ana Pastor -ex ministra de Fomento, actual presidenta do Congreso- "autorizou a desconexión do sistema de seguridade que tería evitado o accidente". "Nen Blanco nen Pastor nen Feijóo realizaron nin mandaron analizar os riscos no Alvia", alegou.

BNG e En Marea formularon na xunta de portavoces a petición de comparencia do goberno galego para dar conta de como valora o desenvolvimento da instrución do caso após a imputación do antigo xefe de seguranza do ADIF. Como cabía agardar, a iniciativa foi rexeitada pola maioría do PP.

En declaracións aos meios, o portavoz de En Marea, Luís Villares, lamentou que "teña que ser a xustiza a que unha vez máis vai en busca dunha realidade que o muro do PP, coa complicidade do PSOE, está a negar non xa aos grupos da oposición, senón as vítimas e aos seus familiares".

A comisión de investigación é inescusábel, opina Villares. "Queren facer o mesmo que coas vítimas do Yak-47? Agardar 15 anos para que o Goberno ao que lle toque pida perdón cando a xustiza lle dea a razón ás vítimas?", perguntouse o portavoz da confluencia.