O xuíz cita como investigado o ex-xefe de Seguridade de Adif por homicidio e lesións no caso Alvia

Accidente de Angrois

Andrés Cortabitarte era director de seguridade na circulación de Adif no momento do sinistro ferroviario de Angrois.

Andrés Lago, titular do Xulgado de Instrución nº3 de Santiago, cita como investigado o ex-xefe de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, por homicidio e lesións no caso Alvia. O maxistrado determina que Cortabitarte “non cumpriu” o seu cometido en relación coa elaboración da correspondente análise de riscos na liña de alta velocidade entre Ourense e Compostela.

Ao non adoptar medidas para “avaliar e xestionar” ese risco, tolerou unha situación potencialmente perigosa que “finalmente cristalizou” no descarrilamento que custou a vida “a múltiples usuarios”. Faleceron 80 persoas e máis dun cento sufriron diversas feridas.

O xuíz mantén que “non podemos discutir” que “a curva representaba un risco en si mesma”, un perigo latente que fora detectado pola propia unión temporal de empresas encarregada de construír a infraestrutura.  Aliás, ese risco fora notificado a Adif.