Debate no Parlamento

BNG alerta de que a instalación na Galiza dunha pasteira lusa eucaliptizaría aínda máis o país

Acto simbólico -plantación de eucaliptos no Obradoiro- para denunciar o inzamento desta especie nos montes do país

"Todo indica que imos a unha eucaliptización máis dura da que hai agora de se confirmar que a pasteira lusa Navigator Company [antiga Portucel] instala aquí unha base de compras de madeira", afirma o portavoz do BNG de Medio Rural, Xosé Luís Rivas 'Mini'. BNG levou o asunto esta sexta feira ao Parlamento. A súa proposición non de lei foi rexeitada pola maioría absoluta do PP.

O parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' argumentou esta sexta feira na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes que, de se confirmar a implantación da antiga Portucel na Galiza, o mercado imporía a súa lei e "posibelmente teríamos unha forestación de eucalipto maior e sen control". Alimentaríase así o caldo de cultivo que leva a que o país sofra periodicamente vagas de lumes como a vivida os días 14, 15 e 16 de outubro pasados, con máis de 49.000 hectáreas ardidas. O desastre, entende o BNG, advén cando se suman condicións atmosféricas adversas, unha política forestal equivocada -da que é a súa máxima expresión a eucaliptización ao servizo de intereses de grandes multinacionais privadas- e a acción dos "descerebrados" que "plantan lume" -en alusión a aqueles incendiarios que provocan deliberadamente, non por imprudencia, os fogos.

 

A iniciativa do BNG obtivo o apoio das forzas da oposición e foi rexeitada polos votos en contra do PP.

 

A alternativa á situación que debuxou na súa intervención o parlamentar nacionalista pasaría por unha moratoria na plantación de eucaliptos e ir dando pasos cara a unha "regresión progresiva" dunha especie que só é rentábel no curto prazo, mais que no medio e longo constitúe unha hipoteca e un serio risco para a floresta do país, argumenta 'Mini'. "Temos que apostar nun monte multifuncional e na recuperación dun rural que sexa un soporte alimentario de calidade desta sociedade", considera.

 

"Non estamos en contra do eucalipto, mais si estamos en contra do seu monocultivo", afirma Xosé Luís Rivas 'Mini' en declaracións a Sermos Galiza. "O plano forestal pasouse xa de graos, está totalmente ultrapasado. Hai tempo que está falido e fracasado", engade. O plano, elaborado a principios da década dos 90, contemplaba que as plantacións de eucaliptos alcanzasen un máximo de 245.000 hectáreas en todo o país á altura de 2032. "Pois ben, estamos en 2017 e xa ocupan 450.000 hectáreas. Practicamente o dobro, cunha taxa de crecimento de 12.000 hectáreas ao ano", denuncia o parlamentar soberanista.

 

Por que a pasteira lusa puxo os seus ollos na Galiza. "Porque o monte galego é vizoso e moi cobizado. Produce rápido e produce madeira de calidade", enfatiza, daí que sexa ben decretar unha moratoria sobre o eucalipto e ir a unha ordenación do monte que parta da súa consideración como unha fonte de riqueza multi-funcional. "O monte non é só forestal. É suceptíbel doutro tipo de explotacións e aproveitamentos. O mau é que o PP iso non o dá visto. Só ve no monte eucaliptos e piñeiros, agora sobre todo eucaliptos, porque o prezo dos piñeiros está á baixa", conclúe.