O ‘Blue Star’ volve navegar

(Imaxe da TVG)

Logran desencallar o quimiqueiro após 18 días varado en Ares. O buque navega cara ao porto de Ferrol para unha inspección.

Após varios intentos frustrados, o ‘Blue Star’ volve navegar após ser desencallado da zona de Punta Miranda (Ares) onde varara o pasado 24 de novembro.

Esta terza feira, por volta das 14:30 horas, os remolcadores foron quen de lograr o que non conseguiran na madrugada nin no día anterior: mover o quimiqueiro de onde ficara varado. 

En concreto, foi coa preamar que estaba prevista para as 15:00 horas cando se produciu o obxectivo logrado, mediante a acción coordinada dos remolcadores 'Boka Pegasus' e 'Unión Princces', ambos exercendo presión desde a popa e babor, e axudados por unhas ondas que finalmente foron maiores do que inicialmente se estimaba.

Após lograr o obxectivo de afastar o buque da zona de rochas, os remolcadores contratados pola empresa holandesa SMIT Salvage, seleccionada polo armador do barco sinistrado para as tarefas de rescate, proseguiron coa manobra até levar ao centro da Ría de Ares o buque sinistrado, que está sen combustíbeis nos seus tanques e sen lubricantes en motores.

Posteriormente, achegáronse ao buque sinistrado o 'Vehintiocho' e o 'Don Inda', tamén remolcadores, que estiveron na zona para prestar apoio.

Unha vez fixado e estabilizado o remolque, o 'Blue Star' será remolcado até o porto exterior de Ferrol, que se atopa a catro millas da zona, onde está previsto sometelo a unha revisión para avaliar os danos que presenta, tanto os producidos cando tivo lugar o lume na zona de máquinas e que motivou o seu varamento, como os acontecidos nos  días que estivo o barco varado sobre as rocas na zona de costa aresana.

 

 

 

En Ampliación