O ‘Blue Star’ non se move

Tarefas de intento de remolque (Iago Varela)

O segundo intento en doce horas de desencallar o buque tamén fracasa.

O segundo intento para sacar o buque 'Blue Star' da costa das Mirandas, en Ares, realizado ás 2,45 horas da madrugada desta segunda a terza feira, 10 de decembro, coa preamar, tamén fracasou.

O operativo concluíu sobre as 3,15 horas, após constatarse que a acción dos dous remolcadores despregados no lugar non conseguían retirar o barco quimiquero da zona rochosa na que permanece desde o pasado 24 de novembro.

Foi este o segundo intento en apenas doce horas, após executar sobre o mediodía da segunda feira unha nova manobra, que logrou desprazar o buque uns oito metros a babor na súa zona de popa.

Pero de novo as condicións do mar non foron tan fortes como estaba previsto. Así, con ondas que apenas chegaron ao tres metros o buque con bandeira de Malta e máis de 120 metros de eslora apenas notaba o movemento no seu casco.

Aprazada

Na operación volveron a participar os remolcadores 'Boka Pegasus' e 'Union Princess', contratados pola empresa holandesa SMIT Salvage, designada polo armador do barco sinistrado para as tarefas de rescate.

Ademais, seguiron de perto todo o operativo outros dous remolcadores, o 'Vehintiocho', dunha empresa de Santander e que tamén foi contratado por SMIT Salvage, e o 'Don Inda', remolcador de Salvamento Marítimo, que se atopa na zona por se é necesaria a súa colaboración.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o operativo de rescate non volverá activarse até polo menos esta quinta feira, día 12, cando se espera mar de fondo con ondas de cinco a sete metros, unhas condicións que se estiman necesarias para darlle flotabilidad ao buque sinistrado.