O Blue Star esperta do fondo do mar a pantasma do Prestige

(Iago Varela)
Está Galiza mellor preparada hoxe que en 2002  para evitar e afrontar unha catástrofe marítima? Unha pregunta para a que procuramos resposta neste nº do semanario Sermos Galiza, o 374.

Tras varias tentativas por desencallalo, finalmente as autoridades decidiron deixalo estar. A compañía holandesa SMIT Salvage, especializada neste tipo de traballo, é a encargada agora do desafío de sacar da ría de Ares o Blue Star, un buque que o temporal máis que arrastralo levantouno e guindouno nas rochas. SMIT Salvage é unha vella coñecida no país xa que foi a encargada en 2002 de remolcar o Prestige.

Foi o 19 novembro dese ano que o petroleiro grego se adentrou na costa galega, un leviatán que cuspiu o seu veleno deixando unha das maiores catástrofes ambientais da historia. Daquela chegárase á conclusión xeneralizada de que había unha dramática deficiencia en seguridade, en medios anticontaminación, en protocolos de xestión e en lexislación.

O accidente do Blue Star volve traer de actualidade estas cuestións. Hai máis seguridade que en 2002? Hai máis medios? Cúmprese a lexislación? Sería mellor agora a xestión ante un novo Prestige? Seríao de estaren transferidas as competencias de Salvamento Marítimo á Xunta?

Bandeiras de conveniencia

Para Xaquín Rubido, biólogo e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, «os problemas estruturais de fondo continúan aí». As empresas, di, seguen a acollerse a bandeiras de conveniencia, isto é, bandeiras con menos controis, menos cargas fiscais e con peores condicións laborais, o que «afecta directamente a seguridade do barco».

«Avanzouse en normativa legal comunitaria e temos dobre casco, mais os barcos que non son da UE non están obrigados a cumprila». Un problema de difícil solución. Exemplifícao Rubido así: «Tentar frear esta práctica é como tentar evitar que os poderosos leven o seu diñeiro a paraísos fiscais». 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]