As biografías de 40 mulleres formarán parte do ‘Álbum da Galiza’

Carme Adán, María Muíño e Rosario Álvarez, na sinatura do acordo de colaboración. (Foto: Deputación da Coruña)

A Deputación da Coruña e o Consello da Cultura Galega (CCG) colaborarán na edición de 40 biografías de mulleres do Álbum da Galiza.

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, formalizaron esta segunda feira o acordo que posibilita a edición dun volume que recollerá a biografía de 40 mulleres do Álbum da Galiza.

Na sinatura deste acordo tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán.

Trátase dun proxecto editorial que permitirá dispor nun mesmo volume de parte do traballo de recompilación que realizou o CCG sobre figuras femininas destacadas na historia galega, segundo informa a institución provincial.

Os servizos da imprenta provincial editarán o volume que leva por título Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum, que verá a luz nos vindeiros meses.

Un lugar "destacado" na historia

“Esta colaboración enmárcase na filosofía do departamento de Igualdade de impulsar de xeito activo todas aquelas accións que permitan avanzar na posta no coñecemento, recuperación e recoñecemento do papel das mulleres e a súa incidencia na sociedade do seu tempo” asegura María Muíño.

“Este tipo de acordos contribúen a amplificar a acción que o Consello da Cultura Galega desenvolve en ámbitos tan necesarios como o da igualdade”, declarou Rosario Álvarez, que fixo especial fincapé na primeira acción deste acordo, “un volume que escolma mulleres pioneiras en ámbitos en ámbitos moi diversos, cun lugar destacado para aquelas que romperon teitos de cristal en sectores tradicionalmente masculinizados”.

Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum propón un itinerario histórico desde o medievo até a actualidade, escrito en feminino por autoras contemporáneas de diversas disciplinas. O volume comeza coas biografías de Rosa María de Castro e Centurión, aristócrata da Casa de Lemos, escrita por Lucía Montenegro, e de Constanza de Castro escrita por Marica Campo, e remata coa biografía de Rosalía Mera escrita por Encarna Otero.