Un berro percorre Galiza en defensa da Sanidade

Imaxe da concentración no Obradoiro, Compostela (Foto: Arxina)
As protestas convocadas por SOS Sanidade Pública reclaman a volta á atención sanitaria presencial

Centos de persoas manifestáronse no serán desta cuarta feira en vinte municipios galegos na defensa dun sistema sanitario "accesíbel, de calidade e dotado de recursos". A entidade convocante, a plataforma SOS Sanidade Pública, celebra o éxito das mobilizacións nun momento "especialmente crítico" para a Atención Primaria: "Nunca houbera tantas mobilizacións simultáneas en tantos puntos do país", sostén, en declaracións a Nós Diario, o médico de cabeceira de Outes e portavoz do colectivo Xosé María Dios.

Esta convocatoria xustifícase con base en cinco eixos: recuperar a atención presencial, reducir as listaxes de agarda, aumentar o cadro de persoal e mellorar as súas condicións, garantir o dereito á vacinación en condicións de seguridade e rexeitar a reforma da Lei de saúde. "Fixemos cinco reivindicacións, mais poderían ser 500, porque o deterioro da sanidade desde a chegada de Feixoo é tremendo", afirma Dios, quen lamenta que as e os profesionais están a atender "entre 40 e 50 doentes ao día, cando o recomendábel son menos de 30".

Denuncia a falta de profesionais, xa que "é preciso contratar un milleiro de médicos e o Goberno galego convocou 254 prazas este ano", mais tamén as súas condicións laborais: "O Sergas contrata por meses, por semanas e mesmo por días, e paga por horas para evitar pagar as fins de semana. Se fose unha empresa privada tería moitas denuncias enriba", di. Para reverter a situación sería preciso incrementar o investimento na Atención Primaria "en 250 millóns, fronte aos 29 que aprobou a Xunta".

Na mesma liña apunta o tamén portavoz da plataforma e médico de familia en Marín Manuel Martín: "Levamos máis dun ano saíndo ás rúas co apoio da cidadanía. As consultas están masificadas e non duran nin cinco minutos, e isto repercute na calidade do servizo que prestamos", expón, e matiza que, alén da Covid-19, "segue a haber moitas enfermidades que fican desatendidas pola falta de medios".

No tocante á polémica Lei de saúde, Dios salienta que "en 53 páxinas, aparece 68 veces a palabra sanción", e asegura que o pasado ano xa advertira á Xunta de que o texto era "inconstitucional".

Desconfianza no sistema

A atención telemática, asegura Martín, "entraña unha gran dificultade tanto para o profesional como para a persoa doente", e non está a ser un método eficiente: "Hoxe temos longas listaxes de agarda até para as consultas por teléfono", censura.

Para Manuel Martín, esta situación pode provocar certa "desconfianza" no sistema sanitario por parte dunha cidadanía que "culpa as e os médicos e non a Administración". Porén, esta non foi a postura que amosaron as e os manifestantes nesta cuarta feira: "O Goberno quererá fomentar esa división, mais nós sabemos que a culpa non é nin dos profesionais nin da sociedade anoxada. Se temos consultas telefónicas é porque non reforzan o persoal nin rematan cos contratos precarios, e se perdemos a confianza no sistema agárdanos un futuro devastador", argumenta Carmen Nores, presidenta da asociación de usuarias A Voz da Sanidade de Cangas. Considera que a pandemia "evidenciou a importancia que contarmos cun sistema público robusto", polo que cómpre "recoñecer o enorme esforzo do persoal sanitario e dotalo de máis medios".

Tamén participou nas mobilizacións Vanesa Viquendi, do colectivo Pediatras e Matronas Xa, que denuncia a "tendencia á privatización" da Sanidade galega e censura que moitos centros de saúde do ámbito rural "carecen de especialidades básicas como a pediatría". Sobre a Lei de saúde e a obrigatoriedade das vacinas, Viquendi ironiza: "Din isto ao mesmo tempo que, por falta de profesionais, non se está a cumprir o calendario de vacinación infantil".