Benito Portela, alcalde de Sada, sobre a sentenza de Meirás: "É unha reparación da Xustiza"

Imaxe de arquivo dunha visita organizada ao pazo de Meirás (Foto: Concello de Sada)
O Concello de Sada foi unha das partes demandantes deste proceso polo que no Consistorio están "moi contentos" coa decisión da xuíza. Para Portela o auto "está moi ben fundamentado e recolle todas as pretencións do Concello"

O alcalde do concello de Sada, Benito Portela, amosou esta cuarta feira a súa satisfacción tras coñecer a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que declara que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco a súa devolución sen compensación económica algunha.

"É unha reparación da Xustiza", sinalou o rexedor, malia que ás e aos herdeiros aínda lles queda a posibilidade de recurrir. Portela afirmou que no Goberno municipal están "moi contentos" coa resolución, pois o Concello era unha das partes demandantes.

Do contido do auto xudicial emitido esta maña que, entre outros argumentos, sostén que o Xunta Pro Pazo regalou o inmoble ao xefe do Estado "non a Francisco Franco a título persoal"-, destacou que é "xuridicamente impecable". "Está moi ben fundamentada e recolle todas as pretensións do Concello", subliñou.

A pesar de que contra o fallo cabe a apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, o rexedor amosou a súa confianza en que o recurso non prospere, baseándose, entre outras cuestións, nos argumentos "fundamentados".

En particular, referiuse "a compra venda fraudulenta en 1941" e á "doazón en 1938, que non foi á persona física" das que fala a maxistrada encargada do asunto.