Benedicto Blanco: "Roubáronme da conta 8.000 euros. Abanca non me devolve os cartos e estoulle pagando un préstamo que non pedín"
Benedicto Blanco foi vítima dunha estafa por phishing –ciberataque que utiliza emails, mensaxes, chamadas ou webs fraudulentas para obter datos confidenciais–. Unha chamada en nome de Abanca, e ao día seguinte tiña 8.000 euros menos na conta e préstamos por 3.000 euros, polos que está pagando 250 euros ao mes. Blanco é un dos moitos estafados por este método e esta cuarta feira protestarán diante de Abanca en Compostela.
—Cando e como foi a súa estafa?
Foi o 20 de abril, viña conducindo e collín unha chamada telefónica, seica era a miña xestora persoal de Abanca para dicirme que estaban mercando billetes de avión na miña conta. Cortouse, devolvín a chamada e saía o contestador de Abanca na Coruña. Volveron chamar, tiña os movementos que fixera eu ese día coa tarxeta. Era o número de Abanca e tiña os meus datos, deume toda a credibilidade. Díxome que me ían dar a tarxeta de baixa. Ao día seguinte quitáronme os cartos. O problema non é do cliente, é de que Abanca non inviste en seguranza. O banco diche que fagas tarxetas e banca electrónica e logo todo iso salta polos aires por falta de seguranza
—A canto ascende a estafa?
Está todo na denuncia, 12.414 euros cos xuros, uns 8.000 en efectivo e uns 3.000 euros en créditos. Abanca a min non me devolve os cartos, mais estoulles pagando un préstamo que non pedín, 250 euros todos os meses. Quedei con 300 euros no banco e cunha débeda de 3.000 euros. Cheguei alí, levei a denuncia da Policía e a resposta foi "xa a mandamos para arriba", máis nada. Aos que estamos todos os días dando cartos non nos axudan, pero ao Deportivo da Coruña, que non teño nada en contra do Dépor, si lle perdoaron a débeda.
—E cal foi a resposta da súa entidade bancaria?
Fun á oficina de Abanca. É un desprezo, non informan do que tes que facer para reclamar, só che din que mandes unha carta ao servizo de atención ao cliente, tardan uns 20 días en responder e contestan cunha carta tipo: "Sentímolo, non é culpa súa pero non podemos devolver os cartos". Non din que tes que facer unha reclamación ao Banco de España.
—A solución entón pasa só pola vía xudicial?
Imos á vía xudicial. O problema é que por falta de seguranza do banco quedas sen cartos e non podes pagar unha demanda e, se non pagas as débedas, non podes pedir un préstamo porque es moroso.
Estás sen cartos e non podes facer unha vida normal nin tampouco podes pór unha demanda. Co banco mentres non chegas a un acordo ou vas a xuízo non hai nada. Están facendo quitas para non devolver todo, cando a responsabilidade é toda súa. Ao final acaban gañando cartos porque cobran uns xuros abismais por estes préstamos. Abanca sae beneficiada con que lle entren nas contas á súa clientela.
—Ademais do dano económico, hai un dano psicolóxico?
Eu teño 55 anos, son un traballador de carpintaría de aluminio en excedencia, son dos que cobra ao mes arredor de 1.500 euros. Isto non é cuestión de idades nin de condicións sociais, hai xente con 20 ou 30 anos no mesmo caso ca min, e hai moitas persoas que non dan a cara porque lles dá vergoña. Os danos morais non hai quen os pague.
