O 'beef' chega á auga embotellada. Este é o pique entre Fontecelta e Cabreiroá que incendia as redes sociais

Os paneis publicitarios de Cabreiroá e Fontecelta (Foto: Cabreiroá).
Este pique entre as dúas marcas de auga galegas viralizou nas redes socias durante as últimas horas.

Publicaba este xornal en abril deste mesmo ano o que era un beef: “No mundo rap, utilízase o termo inglés beef para denominar unha disputa entre dous rapeiros ou grupos de rap que se dá a través de cancións en que se fan ataques de diversa índole con rimas cara ao outro rapeiro. Algo moi común principalmente na música rap dos Estados Unidos”.

Naquela altura, Nós Diario informaba acerca do beef entre os grupos de música en galego Sondarúa e Boyanka Kostova. Mais nos últimos días parece que o mundo dos piques xa non só é propio do rap...

As marcas de auga galegas, Fontecelta e Cabreiroá iniciaron nas últimas xornadas un pique no mundo da auga embotellada. Foi Fontecelta quen deu o primeiro golpe cun anuncio nunha rúa da Coruña en que se pode ler “Podríamos decirte que somos la mejor agua de Galicia pero no queremos cabreiroar a la competencia” en clara referencia á marca de auga Cabreiroá.

Esta segunda empresa non ficou calada contestando con outro anuncio en que se podía ler “Para campaña que nos dan feita, á que temos a dereita” [xa que este anuncio se encontraba á esquerda do de Fontecelta]. Ademais, pouco despois colocaron outro en que se pode ler “Querer dicir que es a mellor auga de Galicia. Ter que usar Cabreiroá para facelo”.

Reacción nas redes sociais

Como era de esperar, este pique viralizou nas redes sociais ao pouco tempo con millares de persoas usuarias comentando ambas as campañas publicitarias.

De feito, un número considerábel de persoas considera que este beef non é máis que unha campaña acordada entre ambas as marcas para conseguir, precisamente, viralizar en internet.

Sexa como for, tanto Fontecelta como Cabreiroá conseguiron converterse no centro de atención nas últimas horas abrindo o que xa é o primeiro beef entre marcas de auga galegas da historia.